Camiños de Europa
Por Antonio Piñeiro
.
A casualidade ten querido que no prazo dun mes teña tido a oportunidade de estar dúas veces en Roma. É máis, este mesmo artigo está escrito dende case ó pé do Castelo de Sant’Angelo, que foi mandado construír polo emperador Adriano e que logo serviu para que os Papas procuraran sosego cando as liortas co ‘populacho’ romano lle aconsellaban pór a mitra a bo recaudo.Se vostede andou algunha vez por estas rúas adoquinadas e a miúdo destartaladas, saberá que o lugar que estou referenciando está moi preto da praza de San Pedro, onde cada ano se dan citan millóns e millóns de turistas e peregrinos que acoden á chamada da fe ó Vaticano.Pois ben, mesmo no inicio do corredor porticado que tan singular configuración lle dá á -se cadra- máis famosa praza do mundo, atópase unha oficina baixo un cartel que reza ‘Opera Romana Pellegrinaggi’, que non é, senón, a oficina de turismo do Vaticano e onde vostede poderá solicitar información sobre o Val do Limia ou Celanova, sobre a Ribeira Sacra ou sobre calquera outra comarca galega que teña relación con algún dos recoñecidos camiños de Santiago.
***
E isto é por mor dun proxecto europeo que se denomina ‘Camiños de Europa’ e no que a oficina turística do Vaticano está tan implicada que proximamente abrirá oficina propia nun recoñecido edificio do casco antigo de Santiago. Un proxecto cuxo obxectivo final pretende xunguir turisticamente os tres grandes centros de peregrinación do cristianismo, como son Santiago de Compostela, Roma e Xerusalén.Para levar a cabo isto, que conta co apoio da Unión Europea, da Unesco e, por suposto, do propio goberno italiano, o pasado xoves asinaron un protocolo nunha sala que había trinta anos que non se abría ó público e que está situada no pazo anexo a unha das igrexas máis importantes de Roma, como é San Juan de Letrán, en cuxo conxunto se conservan as denominadas ‘escaleiras santas’, pois por elas disque subiu Jesucristo cando se presentou perante Pilatos denantes de ser crucificado. A sala conta cun simbolismo polo que hoxe, en España, estaría condenada ó esquecemento, pois, segundo nos informaron, alí foi onde Mussolinni e o Papa Pío XI asinaron o tratado de Letrán, polo que Italia recoñecía a soberanía do Estado do Vaticano.Dito isto, a que non imaxina, querido lector, quén faltaba na sinatura do proxecto anteriormente mencionado? Xusto: A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.
Sem comentários:
Enviar um comentário