sábado, janeiro 24, 2009

Born in UE


Born in the EU
Por Xosé Ramón Pena

Na opinión, no dicir de certas xentes, a historia veu ser, máis ou menos, esta mesma que segue: "Nos anos trinta do século XX, un tolo, chamado Adolf Hitler, fíxose co poder en Alemaña, comandando unha banda de fanáticos sanguinarios, os nazis, cuxo emblema era unha cruz gamada. Convencidos da superioridade da raza aria, quixéronse facer amos do mundo. Perseguiron aos xudeus e invadiron Polonia, co que deu inicio a IIª Guerra Mundial". "E os alemáns?; é dicir, o pobo alemán?" -retruca aínda alguén. "O pobo alemán estaba enganado e/ou asoballado pola represión nazi, así foron as cousas".Na opinión, no dicir doutras certas xentes -que poden, polo demais, coincidir doadamente coas anteriores- outro novo anaco, máis recente, viría rezar do seguinte xeito: "No ano 2001, un individuo absolutamente parvo, desprovisto de calquera sorte de cualidades, chamado George W. Bush, chegou á presidencia dos Estados Unidos de América. Rodeado por un grupo de fanáticos integristas neocom, meteu o seu país, e o mundo enteiro, en guerras absurdas. Como remate do seu nefasto mandato, deixoulle ao seu sucesor -e a todos nós- unha das peores crises económicas da historia contemporánea". "E os americanos; é dicir, o pobo americano?" -volverán retrucar acaso. "O pobo americano? Os americanos sempre foron moi infantiloides e non se decataron, en realidade, de onde se metían até que a guerra de Irak, primeiro, e a crise, logo, os viñeron despertar do sono. Así foron as cousas".Desde logo, como, sen dúbida, concordarán Vdes. -sempre moi amables lectores-, as medias verdades constitúen unha das fórmulas, un dos xeitos máis próximos de achegarnos á mentira. O que traducido significa, no caso do nazismo, pretender ignorar a complicidade que se estableceu entre determinados sectores da sociedade alemá da época co movemento dirixido por Hitler e compañía; como, igualmente traducido, significa agora mesmo ignorar a complicidade que se chegou a establecer entre determinados sectores da sociedade americana e a administración Bush Jr. Entre amplos sectores da sociedade americana, desde logo, pero tamén, e aí si que lle doe, entre determinados sectores da sociedade europea e o pensamento neocon do xa felizmente ex-presidente dos todopoderosos Usa.
.
Porque, se habemos de ser sinceros, quen obrigou, e obriga, a Europa a mostrar un comportamento que ben se pode definir como "máis papista que o papa"? Repasemos sequera un anaco os nosos propios pecados e comprobaremos, sen ir máis lonxe, esa dogmática concordancia entre conservadores, liberais e social-demócratas -esas xentiñas tan botadas a perder pola plos abismos sen fin da moi hortera "terceira vía" made in Blair e demais ideólogos de gran superficie comercial- na hora de establecer verdades, supostamente irrefutables, a nos afogaren nas actuais horas de desacougo e inquedanzas. Supostas verdades tales como a, seica, maldade conxénita existente en calquera consideración arredor da pertinencia/impertinencia dunha banca pública, de empresas -e mesmo servizos!- de titularidade estatal? en fin, de todo aquilo que "atente" conta as "sacrosantas liberdades" do libre comercio e da iniciativa privada. Supostas verdades que, non obstante, veñen demostrar canto de certo/falso hai nelas cando, sen ir máis lonxe, comprobamos como calquera pequena ou mediana empresa prega, salaia, implora, demanda, esixe (sic!!) agora mesmo, perante a pechada negativa das entidades crediticias, o apoio incondicional do diñeiro público. Ese mesmo diñeiro, esa mesma presenza e xestión institucionais que igualmente se pregan, salaian, imploran, demandan, esixen (sic et sic!!) cando se comproba o anormal funcionamento de auto-estradas, aeroportos e liñas aéreas, redes de enerxía? suxeitas ás implacables leis da rendabilidade inmediata. En fin; non quero eu por nada do mundo que sufran Vdes. pesadelos, pero consideren, sequera un momento, que acontecería se non permanecesen aínda o Ensino e mais a Sanidade públicas e houbese que pagalas directamente dos nosos petos. Ou que Ave da última xeración nos correspondería, que trens ultrasónicos haberían de chegar onde nós -e cando!!- se a xestión dos camiños de ferro se deixase nas mans de empresas privadas! "Gato negro ou gato branco tanto ten. O importante é que cace ratos", proclamaron algúns, urbi et orbi, descubrindo o Mediterráneo.
.
De acordo, talvez non importe a cor; porén, o que si lles esqueceu a semellante clase de "listos" é que o gato, por máis que o poida semellar, non é un animal plenamente doméstico, restan nel os instintos primarios do felino; á que un se descuida, os aloumiños poden transformarse na dureza sangrante das gadoupas. Como sempre, a natureza a exemplificar.Pois ben; dado que con sabedoría oriental estamos, acaso a actitude máis lóxica e produtiva, diante da mudanza de Emperador -que benvida sexa, en calquera caso!-, sexa precisamente aquela que ensina que "se tes fame e Obama pesca para ti un peixe unha vez, arranxarás a fame dun día; pero se aprendes ti a pescar, arranxarás a fame de toda a túa vida". Born in the USA? Nacido en Europa! Born in the EU!!
Faro de Vigo - 24.01.09

Sem comentários: