segunda-feira, junho 25, 2007


UE: Salvar os mobles

Por José Luís López Bulla

Finalmente os primeiros espadas puxéronse de acordo: haberá un mini tratado. O encontro tivo como telón de fondo a grotesca teatralidade dos xemelgos polacos, os Kaczinski, e a tradicional oposición británica, personificada en don Tony Blair, para todo o que cheire a cuestión social. En todo caso, o escollo que parecía máis duro de pelar (a "Carta dos Dereitos fundamentais") terá valor legal con carácter vinculante. Pero non será así no Reino Unido: don Tony aborrece a codificación dos dereitos sociais e, de xeito particular, a norma que sanciona o dereito de folga. Francamente, con eses cabaleiros do new-new-new Labour non me vou tomar nin unha limoada ao bar da esquina. As Trade Unions saberán que facer, se é que caen na conta, naturalmente. A dicir verdade, o andamiaxe constitucional do Tratado tivo finalmente unha solución razoable, dado como están as cousas. Menos mal. Porque contrariamente ao que poidan dicir algúns, penso que a crise europea non se deriva fundamentalmente da insuficiencia das institucións aínda que, coma quen di, son manifestamente mellorábeis. A crise europea se deriva, na miña opinión, da contradictoriedade das políticas de cada inquilino deste patio de veciños.

O que é francamente rechamante no caso da política exterior. Ou sexa, se con relación á guerra de Iraq ou outras situacións máis ou menos similares, existe unha profunda división, o problema non está nos procedementos, senón na subalternidade coa política estadounidense. Que no seu día protagonizaron de maneira moi visíbel don Tony, Berlusconi e Aznar xunto a algúns mandatarios do Este europeo. En todo caso, neste aspecto (o da política internacional) a vantaxe é que tales contradicións son visibles. O que non ocorre, con tanta claridade, en relación á política económica da Unión e aos seus reflexos sobre a política social. Aquí, as contradicións son tanto ou máis profundas, aínda que seguen veladas. É o que Jean Paul Fitoussi cualificou, no seu día, como "debate prohibido". Foi un erro que ninguén con mando en praza siga as orientacións de Jacques Delors. Quen, entre os anos oitenta e noventa, afirmou o que calquera persoa con catro dedos de fronte pensaba: na nova fase da globalización, se cada inquilino do patio de veciños ía pola súa conta, cada país sería incapaz de facerlle fronte ás turradas do capitalismo internacional. De aí a formulación delorsiano de traballar por unha nova forma comunitaria, tamén unificando o mercado interno e creando a moeda única.

As cousas, sen embargo, foron na dirección oposta: a cooperación que expoñía Delors non só non avanzou senón que foi substituída pola práctica da competitividade interna: cada cal para si mesmo e o mercado para quen poida máis. Máis aínda, en vez dunha política económica activa --orientada ao crecemento, o emprego e a salvagarda do modelo social europeo nas súas diversidades- asistiuse a unha política europea de carácter inhibitorio e paralizante. Esaxeracións? Poñamos algúns exemplos:

1) O Banco Central Europeo asumiu a loita contra a inflación, a pesar de ser un puro pantasma, como o eixe da política económica europea. Como non existía risco algún de disparo da inflación -díxoo mil veces don José Stiglitz e outros científicos con punto de vista fundamentado- o que se conseguiu foi a drenaxe dos salarios, a posta en marcha dunha miríada de tipoloxías de precarización dos empregos e a desregulación dos mercados de traballo.

2) O Pacto de Estabilidade, ao que Jospin lle engadiu a 'morcilla' "e de crecemento", foi aplicado con absoluta cegueira. Contrariamente ao que expuxeron xentes de sobrada solvencia o gasto público por investimentos reconduciuse dentro dos límites dos parámetros de Maastricht (o famoso tres por cento do PIB): a que non é promovida polos poderes públicos non se pon en funcionamento. Co que se sacrifica para as xeracións presentes e vindeiras as infraestruturas esenciais, a investigación, a formación, o desenvolvemento tecnolóxico, o emprego e tantas cousas que se cantaron con ritmo de bulerías no Cumio de Lisboa do ano 2000.

3) Ademais, púxose en funcionamento unha interpretación fundamentalista da política da concorrencia. Coa escusa de impedir as axudas do Estado, favorecer as privatizacións e as liberalizacións, a Comisión Europea deixou o campo abertamente subscrito a todo tipo de especulacións financeiras, incluso con industrias fundamentais. Non poño exemplos porque deixaríame no tinteiro máis de cincuenta casos. Pero, como dicía máis arriba, estas cuestións de tan grande relevancia están quedando escurecidas por outras que, aínda que non irrelevantes, non teñen o calado da cuestión económica. Ben, para incidir naquilo está a Confederación Europea de Sindicatos. En efecto, o sindicato europeo ten autoridade para chamarlle a atención a quen sexa menester. Pero terá máis autorizada solvencia se segue sendo, á igual que a Unión, un patio de veciños onde cada cal vai polo seu lado ou un conxunto de retales que, a falta de xastre titulado, non acaban de configurar un vestido razoablemente útil.

Sem comentários: