segunda-feira, julho 25, 2005


PRESENZA GALEGA NA UNIÓN EUROPEA
Por Ana Miranda

Despois do recente alargamento a 25 países, as disparidades xeográficas, estruturais e económicas da Unión Europea son cada vez máis evidentes. 123 millóns de persoas, ou sexa, o 27% da poboación total da Unión Europea, viven en territorios cun PIB inferior ao 75% da media de renda comunitaria por habitante, en comparación aos 72 millóns de persoas que vivían nunha Europa de 15 Estados, incluída Galiza. Nunha situación económica cada vez máis difícil en termos de creación de emprego, cunha presión migratoria intensa e cun entramado institucional previsto para 6 Estados, reformado no Tratado de Niza e que vai ser modificado coa ratificación da Constitución Europea para adaptarse á nova situación, institucional e procedementalmente, a posición para un pais como Galiza, tórnase complicada. Ou se aumenta o orzamento comunitario para atender ás necesidades de nacións como a nosa, que van a estar no límite dos parámetros de cualificación de concesión de fundos comunitarios, que no noso caso non foron aproveitados eficientemente en case 2 décadas para criar emprego, consolidar o existente e evitar a fuga de cerebros, a mellor xeración preparada da nosa historia, para criar redes de comunicación que nos unan definitivamente co resto de Europa, para asentar o territorio e impedir o desastre ecolóxico ao que nos está sometendo este Goberno galego, que non foi quen de aproveitar esa ocasión única, máis que para facer programas estéticos e propagandísticos e non políticas de futuro e con futuro. A democracia non só se exerce no momento de votar, máis en Galiza desgrazadamente está demostrado que a democracia é un concepto aínda inmaturo e non moi asentado na poboación. Porque un goberno e un pobo que non pensa na súa cultura, no seu desenvolvemento e no seu futuro, non é máis que xeografía. E nós, con responsabilidade e traballo, non concordamos con esa óptica e reclamamos dereitos e recoñecemento de Galiza a todos os niveis. Desta necesidade, a nosa presenza en Europa, tórnase aínda máis necesaria.

Levo vivindo en Bélxica dende 1997, traballando e formándome en temas comunitarios e internacionais, tendo a enorme honra de poder traballar na pasada lexislatura no equipo dunha persoa de tanta valía política e humana como o que foi eurodeputado do BNG Camilo Nogueira, un político que se rexeu sempre por dous principios, a ética e a defensa orgullosa de Galiza como nación en Europa e no mundo, falándolle aos líderes e pobos de toda a xeografía mundial da nosa nación, colocando a Galiza na axenda mundial nese grande escaparate que é o Parlamento Europeo para cumprir esta misión que desempeñou con total dedicación, sen ningún complexo, falando alto e forte, de fronte de Galiza como igual e do BNG como igual a calquera, nación, Estado e organización política de calquera lugar europeo. Triste e paradóxicamente, despois de toda a dura situación de espera e inquedanza vivida despois da perda do escano, e ante a situación de ficar fóra totalmente da Eurocámara, foi plantexada a posibilidade, de que en base á necesidade de continuar o traballo realizado e manter viva a nosa presenza política europea e as relacións internacionais, no marco da coalición Galeusca coa que nos presentamos electoralmente, o noso traballo puidera ter continuación, negociándose esta posibilidade e finalmente acordando co PNV, coa súa tradicional solidariedade tan demostrada en períodos difíciles da nosa historia, que o BNG seguira tendo presenza física en Bruxelas. A dirección do BNG pediume no outono que, en base a miña experiencia política e formación, realizara a función de voceira do nacionalismo galego no Parlamento Europeo. Incorporeime no mes de outubro, ubicándome na oficina parlamentar do eurodeputado Josu Ortuondo, pero exercendo funcións e actividades, única e exclusivamente para o BNG, con total liberdade e capacidade de acción (outra mostra de xenerosidade e respecto dos nacionalistas vascos).

Con profunda vocación, enerxía e optimismo, asumín esta función soa, sen as facilidades que podiamos ter cunha representación oficial, navegando entre a diplomacia parlamentar para que sigamos aparecendo e opinando. Porque estamos vivos na UE, a pesar das manobras, dos silencios, do sectarismo. E voltaremos oficialmente no 2009. Mentres, tecemos un sistema de traballo que se basea en 3 eixes:

a. Traballo institucional parlamentar;
b. Función de relacións políticas e institucionais coa sociedade galega;
c. Función de relacións internacionais.

Traballo institucional parlamentar: Presentación de iniciativas parlamentares dirixidas á Comisión Europea e ao Consello presentadas polos eurodeputados de Galeusca[1] nominalmente, pero cos contidos presentados polo BNG e sobre temáticas específicas galegas (vulneracións medio ambientais, construción naval, emisións de gases, pesca, agricultura, cohesión, emigración) ou sobre temas europeos xerais de importancia para o noso pais. Tamén a presentación de emendas a determinados informes das diversas comisións parlamentares do PE de interese galego (Pesca, Agricultura, Medio Ambiente, Política Rexional, Transporte, Peticións, Cultura, Mulleres, Dereitos Humanos, Política Exterior) e a elaboración de informes e de posicións políticas sobre temas importantes. Pero ademais de ter esta plataforma-base grazas ao acordo vasco-catalán para asinar as iniciativas, non hai que esquecer que o BNG é membro de pleno directo da Alianza Libre Europea (ALE)[2] e polo tanto, tamén grazas á súa solidariedade negociei a posibilidade de presentar preguntas e emendas a través dos deputados da ALE, e tamén se ampliou co apoio que varios deputados-as dos Verdes, que me pediron expresamente facer un traballo conxunto que xa iniciamos[3]. Máis non hai que esquecer que ademais destes dous polos políticos (Galeusca e o grupo dos Verdes-ALE), o BNG mantén estreitas relacións con forzas políticas de fóra do Estado como o caso do Bloco de Esquerda, e na actualidade negociei co eurodeputado Miguel Portas abrir varias iniciativas mediáticas conxuntas[4]. Pero o recoñecemento do BNG no PE vai aínda máis alá e mesmo membros da Esquerda Unida Europea (IU e PCP)[5], teñen ofrecido o seu apoio para presentar iniciativas relacionadas con Galiza. Polo tanto, movémonos nunha bancada ampla de posibilidades, tendo que manexar diplomaticamente, segundo as temáticas e os intereses que nos conveñan en cada momento, as relacións con deputados e deputadas que pertencen a 3 grupos parlamentares diferentes, cos que nos une tanto a defensa como nación dende todos os prismas (político, cultural, ecolóxico, económico, innovador, etc.) como a loita incansábel polo respecto dos dereitos humanos. Humildemente teño que dicir, como anécdota, que en base a este tecido de relacións políticas e diplomáticas que cómpren a miña función, estou a levar o nome, medio en broma medio en serio, de shadow-MEP, ou sexa, eurodeputada na sombra (termo que ven da xerga interna do PE, de que en cada informe hai sempre un shadow-rapporteur). A miña función, neste sentido e resumindo, consiste en tecer contactos, non confrontalos, senón usalos da maneira máis diplomática posíbel para que sigamos estando presentes por todas as vías.

Relacións políticas e coa sociedade galega: continuar mantendo as pontes de colaboración que abrimos na pasada lexislatura con colectivos da sociedade galega, organizacións e coa propia cidadanía, para a presentación e a información directa en relacións coas institucións comunitarias.

Relacións internacionais: relacións con forzas políticas europeas e mundiais (PT, Frente Amplio, Parti Québecois, etc.), organización e participación en eventos internacionais (Foro Social Mundial, Foro de São Paulo, eventos públicos da ONU, etc.); relacións coa emigración galega: información e coordinación de grupos na diáspora europea e americana.

Posibelmente a miña perspectiva é diferente á da pasada lexislatura, porque non son un deputado oficialmente e porque ademais, por esa condición, existen máis dificultades de difusión do traballo que realizo. Pero non me cansarei de que aparezamos visualizados, e transmitirlle á xente que seguimos presentes e que temos abundantes apoios, e sobre todo, que somos respectados, escoitados e observados, porque se nós non estamos no Parlamento Europeo, ninguén vai falar dos problemas de Galiza, porque para moitos, primeiro están os intereses partidarios antes que o seu pais e a súa xente. E non me cansarei tampouco de afirmar que a miña perspectiva é a dunha muller de 33 anos, pertencente a unha nova vaga migratoria, nai, nacionalista e europeísta, loitadora polos dereitos humanos e polos máis desfavorecidos, ben consciente de querer mudar, coma todos nós, unha sociedade opaca, na que o que defende o BNG é un reto cunha dificultade engadida, na que o noso compromiso ten un prezo, na que loitar pola tolerancia, a educación, a cultura e o desenvolvemento, é produto da nosa responsabilidade como cidadáns. Por iso a nosa presenza europea tórnase cada vez máis imprescindíbel, coa metamorfose que está sofrendo o continente, coa necesidade dunha proxección europea e mundial, como alternativa ao illamento e á incomunicación.

Ana Miranda é a Representante do BNG no Parlamento Europeo.

[1] José Otuondo Larrea (PNV), Ignasi Guardans Cambó (CiU), integrados na actualidade no Grupo Alianza Liberal e Demócrata Europea (ALDE).
[2] A ALE reúne a máis de 30 partidos de nacións e rexións sen Estado de toda Europa, que defenden a diversidade en Europa e que loitan polo seu recoñecemento institucional e político. Dende 2004, a ALE é un dos 8 partidos que ostentan a cualificación de Partido Político Europeo segundo ao Regulamento 2004/2003 do Parlamento Europeo e do Consello de 4 de novembro de 2003 relativo ao estatuto e ao finanzamento dos partidos políticos europeos. A actual Presidenta da ALE é Nelly Maes, ex-eurodeputada flamenca.

[3] Presentei varias iniciativas sobre dereitos humanos- traballo infantil, ablación, situación dos curdos- co eurodeputado de ICV Raul Romera i Rueda, co eurodeputado de Los Verdes David Hammerstein sobre temas medio ambientais e co líder dos Verdes francés Alain Lipietz sobre América Latina.

[4] Recoñecemento de títulos dos profesionais da medicina e equiparación de condicións laborais,, sobre a dinámica da eurorrexión e sobre o intercambio cultural Galiza-Portugal, en especial pedindo o seu apoio e o doutros membros portugueses para a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á Unesco promovida por “Ponte nas Ondas”, etc. .
[5] Willy Meyer (IU) e Ilda Figueiredo (PCP).

Sem comentários: