terça-feira, julho 26, 2005




DE EUROPA, O SOCIALISMO E A DIGNIDADE.

O estado actual das forzas políticas e das conciencias, a esperanza de poder negociar unha nova Constitución mellor é nula.
MICHEL ROCARD


Nado hai un século e medio, o socialismo sempre foi á vez un movemento de loita e un esforzo teórico por construír unha sociedade menos inxusta e máis humana. Contribuíu á mellora dos soldos e das condicións laborais e á emerxencia da Seguridade Social. É un balance importante. Pero a tráxica deriva xerada pola economía integralmente administrada e o totalitarismo levou
ao fracaso final e á deshonrosa desaparición do único proxecto alternativo consecuente ao capitalismo. As forzas capitalistas gañaron esta etapa dun século, estratéxica e, conseguiron ademais afianzar en todas as opinións públicas a mensaxe de que o capitalismo é a liberdade. Este inquebrantábel capitalismo, que críamos debilitado e ameazado tras a gran crise de 1929-1932 e a Segunda Guerra Mundial, restabeleceuse plenamente nos anos cincuenta
e, desde entón, non deixou de reforzar a súa influencia no mundo. Até o punto de que xa non hai proxecto alternativo críbel, de que os desacordos sobre as eventuais correccións ou inflexións convenientes ou posíbeis son profundos e paralizantes, e de que a desesperación cundise no movemento socialdemócrata e, de forma mais xeral, nas forzas progresistas. Ao final, ninguén entende nada. Os grandes debates actuais, sobre a globalización e sobre Europa, están claramente marcados pola ignorancia, a confusión, a hipocrisía, as estratexias persoais e unha total ausencia de visión a longo prazo. Desde que se restabeleceu o capitalismo após a Segunda Guerra Mundial, hai perto de sesenta anos, se produciron tres acontecementos principais, independentes os uns dos outros ou case, e que é tremendamente importante distinguir se realmente queremos saber o que está a acontecer e cara onde imos. Non falarei aquí do cuarto acontecemento principal, a aparición do terrorismo mundial, demasiado recente e non con peso suficiente como para invertir o curso das cousas, se non para agravalo.O primeiro ten que ver coa tecnoloxía. A vertixinosa aceleración da velocidade, no transporte de bens, persoas e información, na análise, tratamento e cálculo de datos e no acto de produción, reduciu as dimensións do mundo, fecendo interdependentes a todas as nosas nacións e provocando, por necesidade, a apertura das fronteiras a todo o que se move menos os homes: Produtos, capitais, servizos, ideas, modas, roupas e músicas. A contaminación, os andazos e o crime non se fixeron esperar. Esta evolución nace claramente da técnica e produciríase en calquera sistema de organización social nacional ou internacional. A expresión "aldea global" describe á perfeción o seu resultado. O segundo acontecemento, totalmente alleo ao primeiro, podería terse producido hai décadas, mesmo hai séculos, pero aconteceu na segunda metade do século XX. É o feito de que varios países de Europa decidisen unirse mediante vínculos institucionais para facer que a guerra fose algo imposíbel entre eles. O obxectivo era a paz e o medio, a organización e a profundación da interdependencia económica. Un dos resultados foi a creación dun mercado de grandes dimensións que permite ás empresas da zona adquirir tamaño mundial. A Europa institucional construíuse sen referencia a ningún proxecto de sociedade, tan só ao elemento fundamental, pero parcial, de preservar no seu seo a liberdade de empresa e os dereitos humanos. Non houbo ningún acordo sobre a intención ou a necesidade de adoptar un, como tampouco non o houbo sobre a definición que podería ser, nin ao principio nin agora. As forzas
conservadoras, maiormente dominantes durante todo o período, mantiveron en Europa un capitalismo clásico, ao igual que souberon mantelo en cada un dos Estados membros, con algúns avances sociais significativos de diferenza, especialmente en Francia. Estas mesmas forzas lograron impedir constantemente a emerxencia dunha identidade política europea e dunha capacidade europea significativa para criar unha política exterior e unha política de seguridade comúns. O proxecto socialdemócrata sempre foi e segue sendo o de alentar o reforzamento dese
conxunto institucional á vez que definir -aínda dista de ofrecer - un proxecto específico para Europa co fin de que unha maioría de esquerdas poda por fin emprender un día a construción dunha sociedade solidaria en economía de mercado, de definir a súa identidade, de garantir o seu esplendor e de implementar a indispensábel política exterior necesaria para contribuír á paz no
mundo, limitar ou contrarrestar a hexemonía estadounidense e promover activamente unha auténtica solidariedade mundial. Con Europa integrada como stá e o euro, apenas estamos a metade dese camiño histórico. O actual proxecto de Constitución consolida o que xa se logrou, simplifica os procedementos e incorpora por fin a Carta dos Dereitos no aparello constitucional e, polo tanto, xudicial. Mantén a parálise en materia de política exterior e lembra que a Unión Europea se basea na libre empresa. Tamén ofrece a base xurídica necesaria para abrir o día de mañá o debate sobre unha definición mais cobizosa dos servizos públicos, a amplitude mínima da
protección social e as condicións de protección e de promoción da diversidade
cultural. O que prohibe -unha política exterior decidida por maioría, unha
extensión dos procedementos comunitarios a todo o ámbito social- xa o
prohibian os anteriores tratados.
Este texto, sen dúbida insuficiente, non inclúe máis que avances e ningún
retroceso. O nome que leva, Constitución,non muda en nada o feito de que no
proceso, de non ser polo contido, é un tratado clásico. Sen dúbida será difícil
modificalo , igual que os outros, non mais. Encanto á expresión segundo a cal
ese texto "sacralizaría o liberalismo esculpindoo na mármore", non ten
ningunha relación coa realidade do texto escrito. Unha maioría de esquerdas
con un proxecto coherente podería orientar de maneira moi distinta as políticas
europeas dentro do marco desa Constitución. Tal como está agora, a UE xa
semella a ollos de moitos demasiado integrada e demasiado poderosa. Existen
forzas de disgregación, poderosas en algúns países membros e, sobre todo, no
estranxeiro; así, desde o principio, a actual administración estadounidense foi a
primeira en querer ver a Europa debilitada. A existencia do euro impediulle
tomar medidas de contraataque contra Francia e Alemania a raíz do problema
de Iraq. Sen embargo, ao ser competente para os asuntos de produción,
traballo e diñeiro, pero non para se facer cargo do sofremento do mundo, as
guerras, a fame e o subdesenvolvemento, Europa nin emociona nin
entusiasma. E iso só pode debilitaría.
O terceiro acontecemento principal de finais do século XX non ten ningunha
relación coas dúas primeiras, pero a afecta gravemente. Tratarse dun cambio
masivo e mundial nas regras de funcionamento do capitalismo. É o que
provoca o seu carácter incontrolábel e perigoso á globalización xerada pola
evolución das tecnoloxias. O capitalismo é un sistema terribelmente eficaz pero
socialmente cruel e gravemente inestábel. De feito, esta inestabilidade estivo a
punto de botar todo a perder coa crise e a guerra. Despois da guerra, o
capitalismo restablecido viviu trinta anos de medre regular nun clima de
estabilidade espantoso e de progreso social constante. Iso débese a que se
respectaban tres grandes regulacións que existían en todos os países
desenvolvidos. A de Keyns: utilizade as finanzas públicas para amortizar as
oscilacións do sistema en lugar de respectar equilibrios formais. A de
Beveridge: coidade a protección social: non só será mais humano se non que
tamén estabilizará o sistema por un nivel de demanda social, é dicir, de
consumo incompresíbel, polo tanto resistinte a calquera crise. E a de Henry
Ford: pagade soldos elevados se queredes que a xente consuma. Foron os
trinta gloriosos, mais dun cuarto de século de medre mais ou menos lineal.
Entón produciuse un acontecemento intelectual inaudito. Un grupo de
profesores de Chicago, guiados por Milton Friedman, elaborou unha nova
doutrina que viña a dicir: vivimos unha fase extraordinaria da historia do
mundo. Tras milenios de pobreza, o mundo estaba a ser rico. E débese a que
se inventara un motor eficaz, o capitalismo e libre empresa, e un potente
carburante, o beneficio. E canto mais beneficio se conseguise, maiores serian
os logros do sistema. "Librémonos entón dos impostos, dos obstáculos para o
mercado que son os servizos públicos e a Seguridade Social, e das múltiples
reglas que limitan o beneficio acumulábel polas empresas. Sexa cal sexa a
actividade en cuestión, o equilibrio atinxido polo mercado é o mellor posíbel e
calquera intervención pública só pode deterioralo".Esta filosofía simplista e
errónea, que avoga polo afán de ganancias, a redución dos impostos e a
diminución da influencia do Estado, logrou a adhesión dos poderosos da
economía e das finanzas nun tempo récord. Forzas políticas e electores, e
entón gobernos e institucións somáronse a esta filosofía en Norteamérica,
Xapón, Europa e os dragóns asiáticos. Trinta anos despois, as tres grandes
regulacións desapareceron, os ricos enriquecéronse, as desigualdades ten
callado profundamente tanto entre o norte e o sul como no interior de todos os
nosos países, a pobreza masiva reapareceu nos países desenvolvidos, a
protección social se erosiona en todas partes, os servizos públicos están
ameazados, o sistema se voltou inestábel e rexistrou seis grandes crise
financeiras en quince anos, todas elas, até o momento, contidas no marco
rexional, e o esgotamento dos recursos e a contaminación progresan
inexorabelmente xa que se rexeitan as regras que poderían frealos . A
humanidade vai directa de fuciños contra o muro.
Europa e as súas institucións non teñen en absoluto a culpa desta catastrófica
evolución que non inventaron elas pero que sofren. Son forzas políticas
definidas e enraizadas como nacionais as que impuxeron estas novas regras
do xogo caracterizadas por unha crueldade social agravada tanto nos nosos
países como en Europa. Inicialmente, Europa fundouse sobre a liberdade de
cambio e a apertura ao mundo, o que só tiña vantaxes na época na que aínda
prevalecían as tres grandes regulacións. Pero é imposíbel voltar atrás sobre
eses puntos agora que xa non prevalecen. En consecuencia, Europa sofre
directamente as consecuencias desas novas regras do xogo, sobre todo cando
a vontade das forzas políticas dominantes non é en absoluto resistirse a elas.
Así, en toda Europa e especialmente en Francia, a parte dos salarios no PIB
diminúe e os soldos estáncanse ou aumentan demasiado devagar, a protección
social redúcese e o paro segue sendo demasiado elevado, agravado como
está en Francia pola demografía, que nada podemos facer tampouco non para
remediar, e polas insuficiencias da formación profesional, único factor no que
Francia podería mellorar un pouco as cousas en casa.
O carácter mais humano do capitalismo europeo continental está a
desaparecer, cedendo o seu lugar ao capitalismo moito mais brutal dos
anglosaxons. Este é o implacábel encadeamento dos feitos que prohíbe propor
argumentos e posturas a todas luces irrealistas ou insostenibeis. As
consecuencias son graves e numerosas.
1. no estado actual da economía mundial, ningún país illado, nin sequera
totalmente Estados Unidos ou China, pode contrarrestar as evolucións das que
é obxecto. A dimensión continental é a primeira das condicións de eficacia. O
soberanismo non ten futuro. Peor aínda, é unha dimisión ante a magnitude do
combate.
2. no estado actual das forzas políticas e das conciencias, a esperanza de
poder negociar unha nova Constitución mellor é nula. O argumento de
"votemos non para abrir a crise e a nova negociación será mellor" non é en
absoluto realista e é, polo tanto, hipócrita.
3. En caso de que gañe o non en Francia, non existe ningunha forza ou
coalición de forzas dispostas a retomar as negociacións coa intención de
reforzar o combate para intensificar a loita contra o capitalismo nesas
condicións.
Seria o fin da dinámica europea, a primeira vitoria de forzas antieuropeas que
temen a futura potencial de resistencia ao sistema que tería unha Europa mais
integrada, e polo tanto, o comezo da desintegración. De modo que o principal
argumento dos, digamos, europeos que avogan polo non é a todas luces falso.
4. Non hai mais elección que manter a perspectiva dunha Europa que se
reforce progresivamente e, nunha década ou dous, estea o suficiente
estruturada e sexa abondo poderosa para que, por fin, unha maioría de
esquerdas poda emprender unha seria inflexión do capitalismo cara unha
sociedade europea solidaria.
5. Os traballadores de Francia sofren profundamente por esta situación, todos
sabémolo e non podemos facer grande cousa a corto prazo. unicamente a
explicación atenta e o recordo da perspectiva a longo prazo poden responder a
esta angustia. É indigno non levarlles a contraria e arrastralos a unha situación
sen saída xa que a vitoria do non abriría unha crise que tamén debilitaría á
economía e, pola tanta, ao crecemento económico e ao emprego.
6. Comparar as actitudes sempre é significativo. Votar si fainos votar como
Chirac e Bayrou. Querer votar, para evitar esta compromiso, como Pasqua e Le
Pen, como os nosos socios comunistas que, para ser de esquerdas, desde hai
sesenta anos, non demostraron unha gran perspicacia política, e sobre todo
votar como Bush quere, que seria o mais grave e perigoso, ,é razoábel? É
xusto?
7. No seu século de historia, o Partido Socialista coñeceu algúns casos de
teimudo enfrontamento entre posturas irreconciliábeis entre a política
maioritaria e as conviccións minoritarias: rexeitou constituírse en Partida
Comunista (1918-1919); rexeitou á non intervención en España (1936); vontade
de impor a unión da esquerda contra Guy Mollet (1947-1968); rexeitou as
guerras coloniais (1956-1962); oposición ás orientacións económicas do
programa común e do candidato Mitterrand (1976-1981).
En todos estes casos, as posturas dos minoritarios de cada época eran
coherentes, realistas e perfectamente traducíbeis en actos
gobernamentais.Non é así esta vez e é unha tráxica grande première. Non hai
perspectiva de mellorar a Constitución despois dunha crise. Non hai
perspectiva de mellorar a situación dos traballadores de Francia en caso de
caos europeo. Mesmo hai que temer que aconteza o contrario. Estamos en
plena hipocrisía. Por esa razón, temo que en caso de que trunfe o non, vitoria
que non conlevaría ningún respecto, ducias de milleiros de militantes nos
deixen, aínda que ninguén desde a Dirección, como é o meu caso, lles convide
a que o fagan. Tamén ficariamos duradeira e profundamente separados dos
nosos partidos irmáns europeos, o que impediría, precisamente, a estratexia de
reacción esperada polos protagonistas do non.
Honrarse á política e á democracia respectando aos seus adversarios. Fíxeno
durante moito tempo. Pero xa non podo seguir facéndoo . Respecto aos
soberanistas, pero non respecto aos defensores do non que se din
proeuropeos. Os envites son demasiado fortes, o PS está demasiado
preocupado por manterse fiel ao ideal europeo de Jaurès, Blum, Mitterrand e
Delors, e Francia ten demasiada responsabilidade como para que se cometa
ese erro.
Manterémonos firmes. Seguro.
MICHEL ROCARD ex primeiro ministro francés e eurodeputado socialista

Sem comentários: