terça-feira, julho 26, 2005




DE EUROPA, O SOCIALISMO E A DIGNIDADE.

O estado actual das forzas políticas e das conciencias, a esperanza de poder negociar unha nova Constitución mellor é nula.
MICHEL ROCARD


Nado hai un século e medio, o socialismo sempre foi á vez un movemento de loita e un esforzo teórico por construír unha sociedade menos inxusta e máis humana. Contribuíu á mellora dos soldos e das condicións laborais e á emerxencia da Seguridade Social. É un balance importante. Pero a tráxica deriva xerada pola economía integralmente administrada e o totalitarismo levou
ao fracaso final e á deshonrosa desaparición do único proxecto alternativo consecuente ao capitalismo. As forzas capitalistas gañaron esta etapa dun século, estratéxica e, conseguiron ademais afianzar en todas as opinións públicas a mensaxe de que o capitalismo é a liberdade. Este inquebrantábel capitalismo, que críamos debilitado e ameazado tras a gran crise de 1929-1932 e a Segunda Guerra Mundial, restabeleceuse plenamente nos anos cincuenta
e, desde entón, non deixou de reforzar a súa influencia no mundo. Até o punto de que xa non hai proxecto alternativo críbel, de que os desacordos sobre as eventuais correccións ou inflexións convenientes ou posíbeis son profundos e paralizantes, e de que a desesperación cundise no movemento socialdemócrata e, de forma mais xeral, nas forzas progresistas. Ao final, ninguén entende nada. Os grandes debates actuais, sobre a globalización e sobre Europa, están claramente marcados pola ignorancia, a confusión, a hipocrisía, as estratexias persoais e unha total ausencia de visión a longo prazo. Desde que se restabeleceu o capitalismo após a Segunda Guerra Mundial, hai perto de sesenta anos, se produciron tres acontecementos principais, independentes os uns dos outros ou case, e que é tremendamente importante distinguir se realmente queremos saber o que está a acontecer e cara onde imos. Non falarei aquí do cuarto acontecemento principal, a aparición do terrorismo mundial, demasiado recente e non con peso suficiente como para invertir o curso das cousas, se non para agravalo.O primeiro ten que ver coa tecnoloxía. A vertixinosa aceleración da velocidade, no transporte de bens, persoas e información, na análise, tratamento e cálculo de datos e no acto de produción, reduciu as dimensións do mundo, fecendo interdependentes a todas as nosas nacións e provocando, por necesidade, a apertura das fronteiras a todo o que se move menos os homes: Produtos, capitais, servizos, ideas, modas, roupas e músicas. A contaminación, os andazos e o crime non se fixeron esperar. Esta evolución nace claramente da técnica e produciríase en calquera sistema de organización social nacional ou internacional. A expresión "aldea global" describe á perfeción o seu resultado. O segundo acontecemento, totalmente alleo ao primeiro, podería terse producido hai décadas, mesmo hai séculos, pero aconteceu na segunda metade do século XX. É o feito de que varios países de Europa decidisen unirse mediante vínculos institucionais para facer que a guerra fose algo imposíbel entre eles. O obxectivo era a paz e o medio, a organización e a profundación da interdependencia económica. Un dos resultados foi a creación dun mercado de grandes dimensións que permite ás empresas da zona adquirir tamaño mundial. A Europa institucional construíuse sen referencia a ningún proxecto de sociedade, tan só ao elemento fundamental, pero parcial, de preservar no seu seo a liberdade de empresa e os dereitos humanos. Non houbo ningún acordo sobre a intención ou a necesidade de adoptar un, como tampouco non o houbo sobre a definición que podería ser, nin ao principio nin agora. As forzas
conservadoras, maiormente dominantes durante todo o período, mantiveron en Europa un capitalismo clásico, ao igual que souberon mantelo en cada un dos Estados membros, con algúns avances sociais significativos de diferenza, especialmente en Francia. Estas mesmas forzas lograron impedir constantemente a emerxencia dunha identidade política europea e dunha capacidade europea significativa para criar unha política exterior e unha política de seguridade comúns. O proxecto socialdemócrata sempre foi e segue sendo o de alentar o reforzamento dese
conxunto institucional á vez que definir -aínda dista de ofrecer - un proxecto específico para Europa co fin de que unha maioría de esquerdas poda por fin emprender un día a construción dunha sociedade solidaria en economía de mercado, de definir a súa identidade, de garantir o seu esplendor e de implementar a indispensábel política exterior necesaria para contribuír á paz no
mundo, limitar ou contrarrestar a hexemonía estadounidense e promover activamente unha auténtica solidariedade mundial. Con Europa integrada como stá e o euro, apenas estamos a metade dese camiño histórico. O actual proxecto de Constitución consolida o que xa se logrou, simplifica os procedementos e incorpora por fin a Carta dos Dereitos no aparello constitucional e, polo tanto, xudicial. Mantén a parálise en materia de política exterior e lembra que a Unión Europea se basea na libre empresa. Tamén ofrece a base xurídica necesaria para abrir o día de mañá o debate sobre unha definición mais cobizosa dos servizos públicos, a amplitude mínima da
protección social e as condicións de protección e de promoción da diversidade
cultural. O que prohibe -unha política exterior decidida por maioría, unha
extensión dos procedementos comunitarios a todo o ámbito social- xa o
prohibian os anteriores tratados.
Este texto, sen dúbida insuficiente, non inclúe máis que avances e ningún
retroceso. O nome que leva, Constitución,non muda en nada o feito de que no
proceso, de non ser polo contido, é un tratado clásico. Sen dúbida será difícil
modificalo , igual que os outros, non mais. Encanto á expresión segundo a cal
ese texto "sacralizaría o liberalismo esculpindoo na mármore", non ten
ningunha relación coa realidade do texto escrito. Unha maioría de esquerdas
con un proxecto coherente podería orientar de maneira moi distinta as políticas
europeas dentro do marco desa Constitución. Tal como está agora, a UE xa
semella a ollos de moitos demasiado integrada e demasiado poderosa. Existen
forzas de disgregación, poderosas en algúns países membros e, sobre todo, no
estranxeiro; así, desde o principio, a actual administración estadounidense foi a
primeira en querer ver a Europa debilitada. A existencia do euro impediulle
tomar medidas de contraataque contra Francia e Alemania a raíz do problema
de Iraq. Sen embargo, ao ser competente para os asuntos de produción,
traballo e diñeiro, pero non para se facer cargo do sofremento do mundo, as
guerras, a fame e o subdesenvolvemento, Europa nin emociona nin
entusiasma. E iso só pode debilitaría.
O terceiro acontecemento principal de finais do século XX non ten ningunha
relación coas dúas primeiras, pero a afecta gravemente. Tratarse dun cambio
masivo e mundial nas regras de funcionamento do capitalismo. É o que
provoca o seu carácter incontrolábel e perigoso á globalización xerada pola
evolución das tecnoloxias. O capitalismo é un sistema terribelmente eficaz pero
socialmente cruel e gravemente inestábel. De feito, esta inestabilidade estivo a
punto de botar todo a perder coa crise e a guerra. Despois da guerra, o
capitalismo restablecido viviu trinta anos de medre regular nun clima de
estabilidade espantoso e de progreso social constante. Iso débese a que se
respectaban tres grandes regulacións que existían en todos os países
desenvolvidos. A de Keyns: utilizade as finanzas públicas para amortizar as
oscilacións do sistema en lugar de respectar equilibrios formais. A de
Beveridge: coidade a protección social: non só será mais humano se non que
tamén estabilizará o sistema por un nivel de demanda social, é dicir, de
consumo incompresíbel, polo tanto resistinte a calquera crise. E a de Henry
Ford: pagade soldos elevados se queredes que a xente consuma. Foron os
trinta gloriosos, mais dun cuarto de século de medre mais ou menos lineal.
Entón produciuse un acontecemento intelectual inaudito. Un grupo de
profesores de Chicago, guiados por Milton Friedman, elaborou unha nova
doutrina que viña a dicir: vivimos unha fase extraordinaria da historia do
mundo. Tras milenios de pobreza, o mundo estaba a ser rico. E débese a que
se inventara un motor eficaz, o capitalismo e libre empresa, e un potente
carburante, o beneficio. E canto mais beneficio se conseguise, maiores serian
os logros do sistema. "Librémonos entón dos impostos, dos obstáculos para o
mercado que son os servizos públicos e a Seguridade Social, e das múltiples
reglas que limitan o beneficio acumulábel polas empresas. Sexa cal sexa a
actividade en cuestión, o equilibrio atinxido polo mercado é o mellor posíbel e
calquera intervención pública só pode deterioralo".Esta filosofía simplista e
errónea, que avoga polo afán de ganancias, a redución dos impostos e a
diminución da influencia do Estado, logrou a adhesión dos poderosos da
economía e das finanzas nun tempo récord. Forzas políticas e electores, e
entón gobernos e institucións somáronse a esta filosofía en Norteamérica,
Xapón, Europa e os dragóns asiáticos. Trinta anos despois, as tres grandes
regulacións desapareceron, os ricos enriquecéronse, as desigualdades ten
callado profundamente tanto entre o norte e o sul como no interior de todos os
nosos países, a pobreza masiva reapareceu nos países desenvolvidos, a
protección social se erosiona en todas partes, os servizos públicos están
ameazados, o sistema se voltou inestábel e rexistrou seis grandes crise
financeiras en quince anos, todas elas, até o momento, contidas no marco
rexional, e o esgotamento dos recursos e a contaminación progresan
inexorabelmente xa que se rexeitan as regras que poderían frealos . A
humanidade vai directa de fuciños contra o muro.
Europa e as súas institucións non teñen en absoluto a culpa desta catastrófica
evolución que non inventaron elas pero que sofren. Son forzas políticas
definidas e enraizadas como nacionais as que impuxeron estas novas regras
do xogo caracterizadas por unha crueldade social agravada tanto nos nosos
países como en Europa. Inicialmente, Europa fundouse sobre a liberdade de
cambio e a apertura ao mundo, o que só tiña vantaxes na época na que aínda
prevalecían as tres grandes regulacións. Pero é imposíbel voltar atrás sobre
eses puntos agora que xa non prevalecen. En consecuencia, Europa sofre
directamente as consecuencias desas novas regras do xogo, sobre todo cando
a vontade das forzas políticas dominantes non é en absoluto resistirse a elas.
Así, en toda Europa e especialmente en Francia, a parte dos salarios no PIB
diminúe e os soldos estáncanse ou aumentan demasiado devagar, a protección
social redúcese e o paro segue sendo demasiado elevado, agravado como
está en Francia pola demografía, que nada podemos facer tampouco non para
remediar, e polas insuficiencias da formación profesional, único factor no que
Francia podería mellorar un pouco as cousas en casa.
O carácter mais humano do capitalismo europeo continental está a
desaparecer, cedendo o seu lugar ao capitalismo moito mais brutal dos
anglosaxons. Este é o implacábel encadeamento dos feitos que prohíbe propor
argumentos e posturas a todas luces irrealistas ou insostenibeis. As
consecuencias son graves e numerosas.
1. no estado actual da economía mundial, ningún país illado, nin sequera
totalmente Estados Unidos ou China, pode contrarrestar as evolucións das que
é obxecto. A dimensión continental é a primeira das condicións de eficacia. O
soberanismo non ten futuro. Peor aínda, é unha dimisión ante a magnitude do
combate.
2. no estado actual das forzas políticas e das conciencias, a esperanza de
poder negociar unha nova Constitución mellor é nula. O argumento de
"votemos non para abrir a crise e a nova negociación será mellor" non é en
absoluto realista e é, polo tanto, hipócrita.
3. En caso de que gañe o non en Francia, non existe ningunha forza ou
coalición de forzas dispostas a retomar as negociacións coa intención de
reforzar o combate para intensificar a loita contra o capitalismo nesas
condicións.
Seria o fin da dinámica europea, a primeira vitoria de forzas antieuropeas que
temen a futura potencial de resistencia ao sistema que tería unha Europa mais
integrada, e polo tanto, o comezo da desintegración. De modo que o principal
argumento dos, digamos, europeos que avogan polo non é a todas luces falso.
4. Non hai mais elección que manter a perspectiva dunha Europa que se
reforce progresivamente e, nunha década ou dous, estea o suficiente
estruturada e sexa abondo poderosa para que, por fin, unha maioría de
esquerdas poda emprender unha seria inflexión do capitalismo cara unha
sociedade europea solidaria.
5. Os traballadores de Francia sofren profundamente por esta situación, todos
sabémolo e non podemos facer grande cousa a corto prazo. unicamente a
explicación atenta e o recordo da perspectiva a longo prazo poden responder a
esta angustia. É indigno non levarlles a contraria e arrastralos a unha situación
sen saída xa que a vitoria do non abriría unha crise que tamén debilitaría á
economía e, pola tanta, ao crecemento económico e ao emprego.
6. Comparar as actitudes sempre é significativo. Votar si fainos votar como
Chirac e Bayrou. Querer votar, para evitar esta compromiso, como Pasqua e Le
Pen, como os nosos socios comunistas que, para ser de esquerdas, desde hai
sesenta anos, non demostraron unha gran perspicacia política, e sobre todo
votar como Bush quere, que seria o mais grave e perigoso, ,é razoábel? É
xusto?
7. No seu século de historia, o Partido Socialista coñeceu algúns casos de
teimudo enfrontamento entre posturas irreconciliábeis entre a política
maioritaria e as conviccións minoritarias: rexeitou constituírse en Partida
Comunista (1918-1919); rexeitou á non intervención en España (1936); vontade
de impor a unión da esquerda contra Guy Mollet (1947-1968); rexeitou as
guerras coloniais (1956-1962); oposición ás orientacións económicas do
programa común e do candidato Mitterrand (1976-1981).
En todos estes casos, as posturas dos minoritarios de cada época eran
coherentes, realistas e perfectamente traducíbeis en actos
gobernamentais.Non é así esta vez e é unha tráxica grande première. Non hai
perspectiva de mellorar a Constitución despois dunha crise. Non hai
perspectiva de mellorar a situación dos traballadores de Francia en caso de
caos europeo. Mesmo hai que temer que aconteza o contrario. Estamos en
plena hipocrisía. Por esa razón, temo que en caso de que trunfe o non, vitoria
que non conlevaría ningún respecto, ducias de milleiros de militantes nos
deixen, aínda que ninguén desde a Dirección, como é o meu caso, lles convide
a que o fagan. Tamén ficariamos duradeira e profundamente separados dos
nosos partidos irmáns europeos, o que impediría, precisamente, a estratexia de
reacción esperada polos protagonistas do non.
Honrarse á política e á democracia respectando aos seus adversarios. Fíxeno
durante moito tempo. Pero xa non podo seguir facéndoo . Respecto aos
soberanistas, pero non respecto aos defensores do non que se din
proeuropeos. Os envites son demasiado fortes, o PS está demasiado
preocupado por manterse fiel ao ideal europeo de Jaurès, Blum, Mitterrand e
Delors, e Francia ten demasiada responsabilidade como para que se cometa
ese erro.
Manterémonos firmes. Seguro.
MICHEL ROCARD ex primeiro ministro francés e eurodeputado socialista

segunda-feira, julho 25, 2005


PRESENZA GALEGA NA UNIÓN EUROPEA
Por Ana Miranda

Despois do recente alargamento a 25 países, as disparidades xeográficas, estruturais e económicas da Unión Europea son cada vez máis evidentes. 123 millóns de persoas, ou sexa, o 27% da poboación total da Unión Europea, viven en territorios cun PIB inferior ao 75% da media de renda comunitaria por habitante, en comparación aos 72 millóns de persoas que vivían nunha Europa de 15 Estados, incluída Galiza. Nunha situación económica cada vez máis difícil en termos de creación de emprego, cunha presión migratoria intensa e cun entramado institucional previsto para 6 Estados, reformado no Tratado de Niza e que vai ser modificado coa ratificación da Constitución Europea para adaptarse á nova situación, institucional e procedementalmente, a posición para un pais como Galiza, tórnase complicada. Ou se aumenta o orzamento comunitario para atender ás necesidades de nacións como a nosa, que van a estar no límite dos parámetros de cualificación de concesión de fundos comunitarios, que no noso caso non foron aproveitados eficientemente en case 2 décadas para criar emprego, consolidar o existente e evitar a fuga de cerebros, a mellor xeración preparada da nosa historia, para criar redes de comunicación que nos unan definitivamente co resto de Europa, para asentar o territorio e impedir o desastre ecolóxico ao que nos está sometendo este Goberno galego, que non foi quen de aproveitar esa ocasión única, máis que para facer programas estéticos e propagandísticos e non políticas de futuro e con futuro. A democracia non só se exerce no momento de votar, máis en Galiza desgrazadamente está demostrado que a democracia é un concepto aínda inmaturo e non moi asentado na poboación. Porque un goberno e un pobo que non pensa na súa cultura, no seu desenvolvemento e no seu futuro, non é máis que xeografía. E nós, con responsabilidade e traballo, non concordamos con esa óptica e reclamamos dereitos e recoñecemento de Galiza a todos os niveis. Desta necesidade, a nosa presenza en Europa, tórnase aínda máis necesaria.

Levo vivindo en Bélxica dende 1997, traballando e formándome en temas comunitarios e internacionais, tendo a enorme honra de poder traballar na pasada lexislatura no equipo dunha persoa de tanta valía política e humana como o que foi eurodeputado do BNG Camilo Nogueira, un político que se rexeu sempre por dous principios, a ética e a defensa orgullosa de Galiza como nación en Europa e no mundo, falándolle aos líderes e pobos de toda a xeografía mundial da nosa nación, colocando a Galiza na axenda mundial nese grande escaparate que é o Parlamento Europeo para cumprir esta misión que desempeñou con total dedicación, sen ningún complexo, falando alto e forte, de fronte de Galiza como igual e do BNG como igual a calquera, nación, Estado e organización política de calquera lugar europeo. Triste e paradóxicamente, despois de toda a dura situación de espera e inquedanza vivida despois da perda do escano, e ante a situación de ficar fóra totalmente da Eurocámara, foi plantexada a posibilidade, de que en base á necesidade de continuar o traballo realizado e manter viva a nosa presenza política europea e as relacións internacionais, no marco da coalición Galeusca coa que nos presentamos electoralmente, o noso traballo puidera ter continuación, negociándose esta posibilidade e finalmente acordando co PNV, coa súa tradicional solidariedade tan demostrada en períodos difíciles da nosa historia, que o BNG seguira tendo presenza física en Bruxelas. A dirección do BNG pediume no outono que, en base a miña experiencia política e formación, realizara a función de voceira do nacionalismo galego no Parlamento Europeo. Incorporeime no mes de outubro, ubicándome na oficina parlamentar do eurodeputado Josu Ortuondo, pero exercendo funcións e actividades, única e exclusivamente para o BNG, con total liberdade e capacidade de acción (outra mostra de xenerosidade e respecto dos nacionalistas vascos).

Con profunda vocación, enerxía e optimismo, asumín esta función soa, sen as facilidades que podiamos ter cunha representación oficial, navegando entre a diplomacia parlamentar para que sigamos aparecendo e opinando. Porque estamos vivos na UE, a pesar das manobras, dos silencios, do sectarismo. E voltaremos oficialmente no 2009. Mentres, tecemos un sistema de traballo que se basea en 3 eixes:

a. Traballo institucional parlamentar;
b. Función de relacións políticas e institucionais coa sociedade galega;
c. Función de relacións internacionais.

Traballo institucional parlamentar: Presentación de iniciativas parlamentares dirixidas á Comisión Europea e ao Consello presentadas polos eurodeputados de Galeusca[1] nominalmente, pero cos contidos presentados polo BNG e sobre temáticas específicas galegas (vulneracións medio ambientais, construción naval, emisións de gases, pesca, agricultura, cohesión, emigración) ou sobre temas europeos xerais de importancia para o noso pais. Tamén a presentación de emendas a determinados informes das diversas comisións parlamentares do PE de interese galego (Pesca, Agricultura, Medio Ambiente, Política Rexional, Transporte, Peticións, Cultura, Mulleres, Dereitos Humanos, Política Exterior) e a elaboración de informes e de posicións políticas sobre temas importantes. Pero ademais de ter esta plataforma-base grazas ao acordo vasco-catalán para asinar as iniciativas, non hai que esquecer que o BNG é membro de pleno directo da Alianza Libre Europea (ALE)[2] e polo tanto, tamén grazas á súa solidariedade negociei a posibilidade de presentar preguntas e emendas a través dos deputados da ALE, e tamén se ampliou co apoio que varios deputados-as dos Verdes, que me pediron expresamente facer un traballo conxunto que xa iniciamos[3]. Máis non hai que esquecer que ademais destes dous polos políticos (Galeusca e o grupo dos Verdes-ALE), o BNG mantén estreitas relacións con forzas políticas de fóra do Estado como o caso do Bloco de Esquerda, e na actualidade negociei co eurodeputado Miguel Portas abrir varias iniciativas mediáticas conxuntas[4]. Pero o recoñecemento do BNG no PE vai aínda máis alá e mesmo membros da Esquerda Unida Europea (IU e PCP)[5], teñen ofrecido o seu apoio para presentar iniciativas relacionadas con Galiza. Polo tanto, movémonos nunha bancada ampla de posibilidades, tendo que manexar diplomaticamente, segundo as temáticas e os intereses que nos conveñan en cada momento, as relacións con deputados e deputadas que pertencen a 3 grupos parlamentares diferentes, cos que nos une tanto a defensa como nación dende todos os prismas (político, cultural, ecolóxico, económico, innovador, etc.) como a loita incansábel polo respecto dos dereitos humanos. Humildemente teño que dicir, como anécdota, que en base a este tecido de relacións políticas e diplomáticas que cómpren a miña función, estou a levar o nome, medio en broma medio en serio, de shadow-MEP, ou sexa, eurodeputada na sombra (termo que ven da xerga interna do PE, de que en cada informe hai sempre un shadow-rapporteur). A miña función, neste sentido e resumindo, consiste en tecer contactos, non confrontalos, senón usalos da maneira máis diplomática posíbel para que sigamos estando presentes por todas as vías.

Relacións políticas e coa sociedade galega: continuar mantendo as pontes de colaboración que abrimos na pasada lexislatura con colectivos da sociedade galega, organizacións e coa propia cidadanía, para a presentación e a información directa en relacións coas institucións comunitarias.

Relacións internacionais: relacións con forzas políticas europeas e mundiais (PT, Frente Amplio, Parti Québecois, etc.), organización e participación en eventos internacionais (Foro Social Mundial, Foro de São Paulo, eventos públicos da ONU, etc.); relacións coa emigración galega: información e coordinación de grupos na diáspora europea e americana.

Posibelmente a miña perspectiva é diferente á da pasada lexislatura, porque non son un deputado oficialmente e porque ademais, por esa condición, existen máis dificultades de difusión do traballo que realizo. Pero non me cansarei de que aparezamos visualizados, e transmitirlle á xente que seguimos presentes e que temos abundantes apoios, e sobre todo, que somos respectados, escoitados e observados, porque se nós non estamos no Parlamento Europeo, ninguén vai falar dos problemas de Galiza, porque para moitos, primeiro están os intereses partidarios antes que o seu pais e a súa xente. E non me cansarei tampouco de afirmar que a miña perspectiva é a dunha muller de 33 anos, pertencente a unha nova vaga migratoria, nai, nacionalista e europeísta, loitadora polos dereitos humanos e polos máis desfavorecidos, ben consciente de querer mudar, coma todos nós, unha sociedade opaca, na que o que defende o BNG é un reto cunha dificultade engadida, na que o noso compromiso ten un prezo, na que loitar pola tolerancia, a educación, a cultura e o desenvolvemento, é produto da nosa responsabilidade como cidadáns. Por iso a nosa presenza europea tórnase cada vez máis imprescindíbel, coa metamorfose que está sofrendo o continente, coa necesidade dunha proxección europea e mundial, como alternativa ao illamento e á incomunicación.

Ana Miranda é a Representante do BNG no Parlamento Europeo.

[1] José Otuondo Larrea (PNV), Ignasi Guardans Cambó (CiU), integrados na actualidade no Grupo Alianza Liberal e Demócrata Europea (ALDE).
[2] A ALE reúne a máis de 30 partidos de nacións e rexións sen Estado de toda Europa, que defenden a diversidade en Europa e que loitan polo seu recoñecemento institucional e político. Dende 2004, a ALE é un dos 8 partidos que ostentan a cualificación de Partido Político Europeo segundo ao Regulamento 2004/2003 do Parlamento Europeo e do Consello de 4 de novembro de 2003 relativo ao estatuto e ao finanzamento dos partidos políticos europeos. A actual Presidenta da ALE é Nelly Maes, ex-eurodeputada flamenca.

[3] Presentei varias iniciativas sobre dereitos humanos- traballo infantil, ablación, situación dos curdos- co eurodeputado de ICV Raul Romera i Rueda, co eurodeputado de Los Verdes David Hammerstein sobre temas medio ambientais e co líder dos Verdes francés Alain Lipietz sobre América Latina.

[4] Recoñecemento de títulos dos profesionais da medicina e equiparación de condicións laborais,, sobre a dinámica da eurorrexión e sobre o intercambio cultural Galiza-Portugal, en especial pedindo o seu apoio e o doutros membros portugueses para a candidatura do patrimonio inmaterial galego-portugués á Unesco promovida por “Ponte nas Ondas”, etc. .
[5] Willy Meyer (IU) e Ilda Figueiredo (PCP).

domingo, julho 03, 2005



ENTREVISTA CON CAMILO NOGUEIRA:
"Europa é unha experiencia histórica revolucionaria".


O triunfo do non nos referendos pola ratificación do Tratado Constitucional Europeo en Francia e Holanda e o cumio de hai dúas fins de semana en Bruxelas para estudar perspectivas financeiras da Europa dos 25 de 2007 a 2013, cunha dura crítica de Blair ao actual modelo presupostario, sumen a Europa nunha das súas maiores crises, que analizamos co ex-eurodeputado polo BNG Camilo Nogueira. O que fora eurodeputado polo Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Bruxelas dende 1999 ata o 2004 analiza a crise na que está sumida a Unión Europea tras o triunfo do non nos referendos pola ratificación do Tratado Constitucional Europeo en Francia e Holanda e o fracasado cumio europeo de hai quince días en Bruxelas
Está en crise o proceso de construción europea?

Existe unha crise evidente. Agora ben, outra cuestión é analizar as súas causas reais e cales poderían ser as solucións. Está claro que a crise está provocada polo resultado negativo en Francia e en Holanda dos referendos respectivos para a ratificación do Tratado constitucional. Pero estes resultados revelaron unha situación que viña de antes, de feito o resultado negativo de Francia foi unha conxunción de posicións de esquerda e da extrema esquerda e máis da dereita monárquica e da extrema dereita xenófoba de Le Pen. Sen esta aportación da extrema dereita, a esquerda que mantiña posicións contra este tratado querendo unha Europa máis social pero ao mesmo tempo unha Europa fortaleza contra a entrada de traballadores de países do Leste que xa forman parte da Unión, non tería triunfado. Así que a mensaxe que saíu de Francia é, nese sentido, confusa. Deu como resultado que, en vez de coller forza expresa as posicións defendidas pola esquerda francesa, colleran forza as posturas neoliberais que pretendían combater. Mais é curioso . Esta crise está provocada por estes dous referendos cando dez estados xa ratificaron o tratado constitucional pasando isto desapercibido. Penso que a crise, realmente, comezou co Tratado de Niza. A Conferencia Intergobernamental de Niza en 2000 reuniuse para crear as condicións institucionais para a entrada de 12 novos estados e, dun xeito moi evidente, todos os estados demostraron a súa incapacidade para se poñeren de acordo. Máis que analizar , por exemplo, as condicións para axudar a estes países a achegarse ao nível de vida dos outros, o que fixeron foi defender o seu egoísmo e o seu poder de veto no Consello Europeo, en particular Aznar, que chegou triunfante por conseguir un poder de veto semellante ao de Alemaña, Francia ou Inglaterra a costa de reducir drasticamente o número de deputados. Portugal, por exemplo, só baixou de 25 a 24, tendo un cuarto da poboación do Estado español ten case a metade de deputados.

E esta crise afectará ao proceso de ampliación?
A decisión da entrada dos países do leste tomouse de xeito apresurado, sen crear as condicións
políticas para que a Unión política progresara e dende logo nunhas condicións económicas...
porque todos os fondos destinados á política de cohesión para os países do Leste quítanselles
aos países da Europa dos 15 que, en moitos casos os necesitaban, sen incrementar practicamente nada o orzamento europeo. Seguiuse dalgún xeito a política de Estados Unidos e Inglaterra de aproximar a Unión Europea ás fronteiras de Rusia, como se fixo na OTAN, pero sen poñer as condicións presupostarias adecuadas. Esa posición, dalgunha maneira, creou unha división interna que continúa na actualidade e á que hai que engadirlle a división creada pola guerra de Iraq. Nese momento, houbo estados como Gran Bretaña ou o español que consideraron que o seu aliado eran os Estados Unidos e non países cos que comparten institucións lexislativas. É absurdo pensar que dentro da Unión, o estado español considerara que o seu aliado era Estados Unidos e non Italia, Francia ou Alemaña, por exemplo. É como se Andalucía considera que o seu aliado é o norte de Marrocos e non Castela a Mancha. Unha cousa é que teñas simpatías por un país externo, pero o teu aliado principal é aquel que convive contigo incluso nas mesmas institucións. Todas estas circunstancias deixaron unha semente de división que non dependían do Tratado Constitucional, que é un progreso respecto aos anteriores, pero que pagou as consecuencias, xerando a sensación de crise na que estamos na actualidade. Pero, en fin, supoño que como pasa moitas veces, as crises provocan movementos cara a adiante, así que a ver que ocorre. A crise existe pero non pasa en absoluto por rexeitar o tratado Constitucional, aínda que mellor será canto maís se mellore, senón por asumir que debemos seguir avanzando cara a unha Europa política. Hai que modificar o orzamento comunitario e a principal modificación debería pasar por ser, en vez do 1% do PIB europeo, o 3% por exemplo. Eu defendín isto no Parlamento Europeo e non se me fixo caso, nin sequera na sociedade galega houbo unha preocupación forte neste sentido, cando manter o presupost do 1% supón que Galiza vai recibir como máximo a metade dos fondos estruturais que recibía antes e practicamente nada dos fondos de cohesión.
No último cumio europeo, o primeiro ministro británico, Tony Blair, propuxo unha modificación substancial dos presupostos da Unión contra o criterio dunha Francia e unha Alemaña cuxos líderes políticos están nunha situación de certa febleza, Chirac tras a derrota do referendo e Schroeder practicamente consciente de que terá que abandonar a Presidencia en poucos meses.
Sen Francia e Alemaña non hai Unión Europea. Todos os países teñen importancia pero estes
son os países centrais pola súa experiencia histórica: a Revolución Francesa, a Reforma... Dicir
que Francia e Alemaña non son os motores da Unión Europea, como di Blair, é unha trapallada.
Quen goberne en Francia ou Alemaña decidirano os franceses e os alemáns, pero as eleccións
internas nestes países non van condicionar o proceso de Europa a longo prazo. Hai que ter en
conta de que Blair é un triunfador con só o 36% dos votos no seu país e, en cambio, o candidato
derrotado tivo que demitir co 33%, ou sexa que falamos só de coxunturas históricas que son
utilizadas ideoloxicamente. Pero en Francia poden gobernar dentro de pouco os socialistas e
seguro que estarán unidos de novo e en Alemaña a democracia cristiá , que gobernou durante
moito tempo, sempre foi europeísta. A súa candidata (Angela Merkel), que é da Alemaña do
Leste, non vexo porque razón vai ser menos europeísta que Schroeder. Non podemos pensar
Europa en función da coxuntura, senón pensando a longo prazo. Terá que haber un debate
profundo pero supoño que sairemos desta porque a Unión Europea é, en primeiro lugar, unha
experiencia histórica revolucionaria e, segundo, porque é o espazo necesario para que os europeos e europeas manteñan as súas conquistas históricas, sociais e humanas que houbo en
Europa. E é tamén un espazo para a diversidade. Para unha nación como Galiza é mellor estar
nun espazo que recoñece a diversidade que nun espazo xacobino que non a recoñecía ata hai
ben pouco.

Entón que lectura facemos da proposta de Tony Blair?
Se Blair quere realmente modificar a economía europea, que propoña que o orzamento pase a un
2% do PIB. Como dixo o intelixentísimo primeiro ministro de Luxemburgo e presidente saínte do Consello, Jean Claude Juncker, Blair utilizou en Bruxelas un argumento falaz. Dixo: "A quen se lle ocorre que do orzamento europeo o 45% se dedique á política agrícola común?". Pero é que a PAC procede de tempos anteriores e é das poucas políticas comúns con aplicación presupostaria. El di: "Non hai que gastar na PAC senón en investigación e desenvolvemento", pero é que non podes comparar as dúas cousas porque investigación e desenvolvemento practicamente non ten presuposto comunitario . O presuposto agrícola é da UE, o de investigación e desenvolvemento está nos estados, e para comparar tería que sumar o conxunto de presupostsos dos estados e non as migallas do orzamento comunitario. Que conste que claro que a PAC hai que modificala, pero aínda acaba de aprobarse estando eu no Parlamento. Eu non estaba de acordo, entre outras cousas, porque Galiza non recibe practicamente nada. Pense que do que chega da PAC ao estado español cada ano, que é sobre un billón de pesetas, Galiza recibe unicamente o 1% e Andalucía o 30% e Castela a Mancha o 14% e Castela León o 14%, e beneficia en España sobre todo os grandes latifundistas, á Duquesa de Alba por exemplo, e no conxunto de Europa aos seis máis ricos. Hai que refromar, estou de acordo, pero sobre todo hai que facer unha política común, unha política social, armonizar fiscalidade, cousa que Blair nunca quixo. El dixo no Parlamento europeo que é un apaixonado europeísta e que quería unha Europa política e non simplemente un gran mercado, e eu creo que ese é o debate que deberiamos establecer neste semestre porque xa dixen, incluso un gran mercado non pode existir sen unha Europa política e retornar da Europa política actual insuficiente á do Gran mercado é simple mais absolutamente imposible. Desfaríase a Europa política, e ademáis sería algo rexeitado por toda a sociedade europea.
E, despois de todo isto, que futuro lle espera agora ao Tratado constitucional europeo?
Os partidarios de votar non a este tratado fan ben se así o pensan, eu mesmo podo ter elementos de crítica semellantes aos deles. Pero se desaparece este tratado, a situación que vai quedar será peor. A consecuencia do non fai que quede o que se critica e que desapareza o que ten de bo. Por outro lado, pensar que se volvan reunir os 25 estados e que por unanimidade fagan un tratado mellor é crer nos milagres pero non hai por que crer nos milagres nestas circunstancias. Para mellorar todo o que se critica dende o non, o mellor é que se aprobe este tratado, pois o Tratado incorpora a posibilidade de cambialo, como calquera outro. E sería bo que no futuro as ratificacións dos tratados non dependese da unanimidade e que puidera participar a sociedade europea no seu conxunto. Sería bo pasar do consenso a un sistema maioritario pois supón unha mudanza da mentalidade e dos hábitos políticos realmente histórica e extraordinaria, malia que moitos non a aceptarían.
Converxencia galega na UE E mentres, Galicia xógase seguir como rexión obxectivo número 1...
O ideal para Galiza sería que agora estivese cun 85% da media comunitaria e non no 74,9. Non ten perdón. Só hai que comparar co que pasou en Irlanda. E non só foi culpa do Goberno galego, tamén do español que xestionou máis da metade das axudas destinadas a Galiza. Incluso co que nos correspondía favoreceu a Madrid. Non hai máis que ir a Barajas e ver todas as autoestradas que hai, que parece que se fixeron para evitarse as unhas as outras. Pero xa que non temos o 85%, mellor ter o 74,9 que o 75,1. É o mesmo pero polo menos te aproveitas. De todos os xeitos, aínda estando no 74,9 non imos recibir, en absoluto, o que recibiamos ata agora porque os fondos van ter o mesmo nivel absoluto pero vanse repartir entre o dobre de persoas. Aínda sendo obxectivo nº1 levaremos a metade e se pasamos do 75% moito menos da metade. O novo goberno vai ter que repensar o país.
GALICIA HOXE - 03.07.05
ESQUERDA NACIONALISTA
www.esquerdanacionalista.com