sábado, dezembro 30, 2006

Sorprenderá a Europa

En Berlín, a mensaxe máis importante para 2007 é: Angela Merkel non é como Maggie Thatcher. En toda Europa hai afeccion a comparalas. Mulleres poderosas que dirixen nacións poderosas. Dúas damas de ferro que forxaron as súas carreiras dentro dos partidos conservadores. Ambas decláranse a favor da economía de mercado e impulsaron as súas respectivas economías nacionais, un tanto ralentizadas, con reformas liberais. Merkel, como Thatcher, formouse nas ciencias: unha é física e a outra química. E sen embargo, as dúas son tan diferentes como a música das marchas militares inglesas e unha sinfonía alemá de Beethoven. A Thatcher gustábanlle a pompa e os conflitos, Merkel aprecia o realismo e a harmonía. Thatcher interviña con declaracións, Merkel co diálogo. Thatcher tiña olfato para o medo dos demais, Merkel sabe percibir os anhelos. Thatcher contaba coa maioría do seu partido, Merkel ten unha gran coalición. A súa política económica está tan orientada ao social, que Thatcher a tomaría por unha esquerdista. E seu conservadurismo é tan moderno que Thatcher quedaría perplexa. Merkel é filla dun pastor e se criou no socialismo real da RDA. Coa caída do muro comezou a súa liberación persoal e a súa carreira política, viviu en carne propia episodios dramáticos e talvez por iso sexa tan escéptica fronte ás convicións inamovibles (polo pronto, ideoloxías). Por outra parte, móstrase aberta a cambios e reformas. É calquera cousa menos unha conservadora clásica. Mirándolo ben, Angela Merkel é todo o contrario de Thatcher.Tamén con respecto a Europa. Thatcher desprezaba a Europa; Merkel, desde que viviu persoalmente a caída do muro, considera a Europa como un fenómeno tremendamente positivo. Neste aspecto é tamén -e o admite de boa gana- unha boa alumna de Kohl. Kohl explicoulle en longas conversas a arquitectura do poder en Europa, e ambos están convencidos da importancia histórica da casa común europea. Os dous cren que o euro non é unha moeda común, senón unha cuestión de guerra e paz en Europa.
Labor de mediación
Xa que logo non é casualidade que no seu primeiro cumio da UE no 2005 Merkel teña desconcertado a todos. Os xefes de Goberno parecían non poñerse de acordo sobre o plano de financiamento da UE para o período de 2007 a 2013. Francia e Gran Bretaña bloqueábanse mutuamente. E malia que Alemaña tiña os mellores argumentos para por fin aportar menos á caixa da UE, Merkel botou man ao peto e salvou a Europa cun compromiso. París e Londres se reconciliaron, xa que outra vez Alemaña pagaría máis. Desde entón, Merkel pasa por ser a verdadeira mediadora da UE. Cando Alemaña asuma a presidencia da Unión, a UE podería manter esta sorprendente prosperidade. Porque Merkel asumirá ademais a presidencia na reunión do G-8 e abriga a ambición de conferir a Europa unha nova voz. Neste momento pode sentirse moi segura da súa posición de poder en Berlín e xa que logo pretende proxectarse internacionalmente. Atrévese incluso a por de novo en marcha o proceso da Constitución Europea. A súa vantaxe consiste en que non ten inimigos. Mantén boas relacións non só cos acreditados europeos de Bruxelas, París ou Madrid. Conseguiu tamén por a Londres da súa parte e reactivar a relación con Roma, que por culpa de Berlusconi permanecera illada durante tanto tempo. Como aventuran en Berlín, nestes días Merkel falou máis con Prodi que co seu marido. Tamén ao Este está enviándolle sinais dun tipo de achegamento novo, xa que ela experimentou o réxime do socialismo real. Con Putin, quen a mira con ollos máis críticos que ao seu antecesor Gerhard Schröder, pode comunicarse con fluidez en ruso, e está sopesando un novo pacto de seguridade con Rusia que inclúa as subministracións de enerxía. As posibilidades de que a integración europea adquira unha nova dimensión son máis favorables que nunca. O auxe económico contribuíu a distender o financiamento. Entre as grandes nacións non hai diferenzas de xuros dignas de mención. O euro, o mercado interno e a aceleración da convivencia diaria dos europeos fortaleceron a conciencia básica de Europa; pero foi a ameaza do islamismo a que fomentou o sentimento de que Europa é ao fin de contas unha familia, unha parentela occidental. Esta conciencia podería ser a clave para o futuro de Europa, pero tamén un problema se temos en conta a cuestión de Turquía. Aquí Merkel atópase nunha posición delicada, dado que se pronunciou en contra do ingreso de Turquía na UE e propuxo que en lugar diso se converta nun «socio privilexiado». En cambio, os seus socios de coalición, os socialdemócratas, están a favor do ingreso na UE. Merkel espera que outros países inicien este debate, no cal, a partir da perspectiva de Berlín, corresponderá un papel preponderante a Madrid. «As posicións críticas fronte ao ingreso de Turquía fortalecéronse; en España é onde podería decidirse a maioría», coméntase no contorno de Merkel. Ate agora considerábase que Zapatero apoiaba a Turquía, pero que non é «dogmático» na cuestión, é dicir, que se mostraría aberto á solución de «socio privilexiado». Algo similar ocorre no caso de Ségolne Royal en Francia. Tamén ela se distancia cada vez máis do ingreso de Turquía que antes defendía. Con ocasión das eleccións presidenciais, Nicholas Sarkozy, gran detrator do ingreso, fixo da cuestión tema central da contenda electoral. Xa podemos estar ansiosos polo resultado, xa que tras esas eleccións Europa podería verse influída por dúas mulleres poderosas, Royal e Merkel. Unha dereitista de esquerdas e unha esquerdista de dereitas.

Sem comentários: