terça-feira, dezembro 12, 2006


Estatuto, nación e Europa

Por Xulio Rios


O galeguismo histórico fixo grandes aportes ás nosas relacións internacionais. Situou a Galicia como nación en Europa. O nacionalismo contemporáneo virouna contra a Europa do capital. Hoxe cómpre reivindicar aquela traxectoria e aos seus protagonistas, ambos esquecidos e maltratados pola ignorancia bárbara dos propios galegos. Hai uns anos colocamos unha placa en memoria de Plácido Castro e deste feito na rúa Reconquista de Vigo. Houbo quen bateu nela ata destruíla. Reparouse e intentouse colocar de novo, pero a comunidade de propietarios rexeita que na nobre fachada exterior do seu inmoble figure un busto de Plácido Castro lembrando que foi a voz que acadou o recoñecemento internacional de Galicia como unha nación. En Galicia somos así. Nós contra nós mesmos. Coma no Estatuto.

A comisión do terceiro estatuto non só ten no himno unha referencia para fundamentar a condición nacional de Galicia. Hai outra máis contemporánea e menos sentimental á que inexplicablemente se renuncia en demasía. Galicia foi recoñecida como nación en 1933 no IX Congreso de Nacionalidades Europeas. Plácido Castro, liberal anglófilo e representante galego que participou naquel evento, mesmo foi recibido polo entón presidente do Consello da Sociedade de Nacións, a ONU de entre guerras. É un dato irrefutable que non ten volta atrás, salvo que se pretenda negar a evidencia unha vez máis. Claro que somos capaces diso e de moito máis. Pero paga a pena revisar a prensa da época (El Pueblo Gallego, por exemplo) e mergullarse nos arquivos da Sociedade das Nacións, en Xenebra. Alí poderán atopar as súas señorías a documentación orixinal. No Igadi, en Galicia, están as copias de moitos deles e algúns poden consultarse en www.igadi.org.

Poda que como subterfuxio a “anterga nazón de Breogán” provoque menos susceptibilidades, pero que Galicia é unha nación europea non ten volta de folla e cando foi recoñecida como tal estaba na vangarda da modernidade nalgúns aspectos, entre eles o intelectual. Este é un feito do que debiamos sentirnos orgullosos todos os galegos. O que diso se derive en termos de reivindicación política hoxe é cousa de cada forza partidaria que no lexítimo exercicio da súa acción pode, con todo o dereito do mundo, conter ou impulsar. Pero o que ninguén pode negar é o feito en si, por máis descoñecido que resulte aos propios galegos e por máis que o propio nacionalismo, o máis obxectivamente interesado na súa divulgación, teña por raro costume prescindir desta evidencia.

1 comentário:

Alexandre disse...

Moi oportuno artigo. Parabéns!

(Isso si, colouse-che um párrafo repetido, revisa o texto).