Mostrar mensagens com a etiqueta documento. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta documento. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, setembro 30, 2009

O “Informe Maalouf”: como a multiplicidade de linguas podería contribuír á consolidación de Europa


Vía prolingua.

.
Acabamos de subir á sección de documentos o interesante Informe Maalouf (PDF, 163KB), cuxo título completo é Un reto proveitoso. Como a multiplicidade de linguas podería contribuír á consolidación de Europa e que compila as propostas do Grupo de intelectuais en favor do diálogo intercultural creado por iniciativa da Comisión Europea o pasado ano.

O Grupo estivo presidido polo escritor Amin Maalouf e contou coas seguintes persoas: Jutta Limbach, presidenta do Goethe Institut; Sandra Pralong, experta en comunicación; Simonetta Agnello Hornby, escritora; David Green, presidente da EUNIC (Rede de institutos nacionais de cultura da Unión Europea), antigo Director Xeral do British Council; Eduardo Lourenço, filósofo; Jacques de Decker, escritor, secretario perpetuo da Real Academia de Lingua e Literatura francesas de Bélxica; Jan Sokol, filósofo, antigo Ministro de Educación da República Checa; Jens Christian Grøndahl, escritor, e Tahar Ben Jelloun, escritor.

O Grupo reuniuse en Bruxelas en tres ocasións, en xuño, outubro e decembro de 2007. O informe final foi redactado por Amin Maalouf inspirado nas ideas de todos os membros do Grupo e reflicte o contido dos seus debates.

quinta-feira, fevereiro 12, 2009

Por unha nova política europea para Galicia


Por unha Nova Política Europea de Galicia

Remitennos o manifesto por unha “verdadeira política europea para Galicia”…Na véspera dunha nova xeira electoral, este manifesto constitúe unha chamada a tódolos actores implicados no deseño, planificación, execución e avaliación das políticas públicas en Galicia para que contribúan a que Galicia conte cunha verdadeira política europea.
Estae manifesto non representa a ningún grupo formal ou informal, institución, organismo, partido, corrente, empresa ou asociación; os seus asinantes únense a el a título individual con independencia da súa adscricion profesional e ideolóxica. A única motivación deste texto é defender que Galicia ocupe por fin o lugar que merece e lle corresponde en Europa.
Consideramos que:
* A emerxencia de entidades políticas subestatais (nacionalidades, rexións con competencias lexislativas, Estados federados, territorios autónomos, etc) cobra cada vez máis forza en Europa pero moitas destas entidades políticas non aprenderon ainda a facer política europea.
* Para facer política Europea non só e necesario estar presente en tódolos eidos institucionais onde estes territorios teñen cabida (estatais, europeos e internacionais) senon fundamentalmente participar neles. Para iso é necesario construír, dentro dos límites legais, mais sen por iso renunciar aos obxectivos últimos de cada un, unha posición política propia de Galicia de acordo cunhas prioridades políticas claramente identificadas.
* Facer política Europea consiste non só nin fundamentalmente en ter unha presenza institucional ou simbólica.
* Facer política europea consiste en beneficiarse plenamente das estructuras de participación politica e institucional de que dispomos para:
a) Tratar de influír de xeito responsabel no deseño das políticas públicas da UE, en todos e cada un dos procesos lexislativos que nos afecten e nos debates ideolóxicos sobre o futuro da UE.
b) Influír de xeito responsable sendo conscientes que a defensa dos intereses propios precisa combinarse coa defensa do interese colectivo da UE. Só deste xeito poderemos estar en posición de negociar compromisos e atopar apoios. Non existe Galicia frente a Europa, existe Galicia coma parte de Europa; esta pertenza confírelle dereitos, que deben ser defendidos, nomeadamente o noso dereito á autonomía, pero tamén responsabilidades.
c) Facer política, sen adxectivos. A participación política nos asuntos europeos é sempre unha vía de dobre dirección. Non se trata só de influír nas políticas cando se formulan en Bruxelas, trátase tamén de aplicar as normas acordadas adaptándoas ao territorio e facelo correctamente. Os gobernos autonómico teñen a responsabilidade de aplicar as políticas que contribuíron previamente a deseñar en Madrid e en Bruxelas. Este obxectivo debería constituír para calquera goberno autonómico o eixo principal da súa política europea. Este é o campo onde máis beneficios e resultados tanxibles se poden obter da nosa participación en Europa.
d) Conseguir que Europa sirva os intereses de Galicia. A actuación das nosas institucións e partidos debe basearse na responsabilidade, o bo goberno, o debate, a transparencia e a constancia. As boas políticas e as boas normas reportan ao cabo maiores beneficios cá simple percepción de fondos europeos.
* Unha mala política europea é aquela que é pasiva, que non anticipa os problemas, retos ou cambios, e só os afronta cando se volven inevitables.
* Unha mala política europea é aquela que non define as súas prioridades en función das necesidades do territorio e que carece dunha liña de acción política por non ter feito antes unha análise de cales son os nosos intereses sectoriais.
* Unha mala política europea é aquela que non se apoia nas iniciativas da UE e dos nosos socios europeos para mellorar as nosas propias políticas públicas.
* Unha mala política europea é aquela que non utiliza plenamente os mecanisos de participación ao noso dispor para influír na formación da posición negociadora do Estado. Guste ou non, a UE segue a ser unha organización internacional feita por Estados e nos que estes xogan un papel moi importante (mais non exclusivo) na toma de decisións.
* Unha mala política europea é aquela que non ten un persoal que a defina e a execute cos máis altos niveis de profesionalidade, coñecemento técnico e idiomas. Galicia precisa mellorar o coñecemento medio dos nosos funcionarios en asuntos europeos; a parte adicada a Europa na formación dos funcionarios, non só os temas xurídicos senon especialmente no eido das políticas europeas, debe ter moita máis relevancia ca hoxendía. Do mesmo xeito, todo alto funcionario de carreira debería pasar un prazo razoable na delegación de Bruxelas coma requisito imprescindible de promoción profesional. Asi mesmo, cada Consellería debería ter unha unidade especializada nos dossieres europeos que lle afecten, e que sería o punto de coordenación e contacto coa Secretaría Xeral da Unión Europea e a Delegación de Galicia en Bruxelas. A Xunta de Galicia debe dotarse de persoal multilingue, especialmente en inglés e francés, os idiomas de traballo principais da UE, amais de contar cun eficaz servizo de traduccion técnica de normas e documentos.
* Galicia precisa elaborar unha estratexia consensuada para a acción política en Europa que inclúa prioridades a curto, medio e longo prazo e que vaia máis ala dunha simple declaración de intencións ou dunha análise puramente teórica. Este estratexia e o seu correspondente plan de acción deben ser revisados regularmente.
* Galicia precisa que exista coordenación entre o Goberno autonómico e as outras entidades públicas galegas á hora de executar esta estratexia. O método da consulta pública, tan usado na UE e noutros países, debe aplicarse sistematicamente tamén no noso país.
25 CLAVES PARA A POLÍTICA EUROPEA DE GALICIA
1. Unha boa politica europea, alomenos naqueles asuntos estratéxicos de interese xeral, é a que remata no Padornelo.
2. Unha boa política europea é a que busca o consenso interno nos asuntos principais.
3. Unha boa política europea é a que non se deixa levar nin polo euroescepcicismo nin polo europtimismo
4. Unha boa política europea é a que sabe distinguir os temas estructurais e ideolóxicos (reformas dos tratados, fins últimos e grandes liñas políticas da UE) dos desafíos diarios que afectan aos cidadáns e á nosa autonomía.
5. Unha boa política europea é aquela que ten unha perspectiva a medio e longo prazo dos nosos intereses, e non permite que estes se vexan mermados por cuestións de oportunidade política.
6. Unha boa política europea europea é aquela que busca tanto a defensa dos nosos intereses e do noso autogoberno coma o interese xeral dos europeos.
7. Unha boa política europea é aquela que sabe actuar nos asuntos europeos desde o comezo, que non sigue os dictados do Goberno Central ou da Comisión Europea, senón que lles plantexa claramente cales son os problemas e propón solucións alternativas.
8. Unha boa política europea é aquela que dá tanta importancia á formulación das políticas coma á aplicación das mesmas. De feito, xa no momento mesmo de definir a posición negociadora de Galicia haberia que ter en conta como vai afectarnos a implementación dunha determinada norma ou política.
9. Unha boa política europea é aquela que usa frecuentemente o sistema de consulta pública e as análises de impacto previamente á definición da posición do goberno.
10. Unha boa política europea é aquela que non se conforma coa simple delegación no Estado da representación dos nosos intereses en Europa.
11. Unha boa política europea é aquela que tenta influenciar constructivamente tanto a política do Estado coma directamente as discusións en Bruxelas.
12. Unha boa política europea é aquela que leva aos nosos representantes a Bruxelas a negociar asuntos chave nos que Galicia teña unha posición definida e non a facer xestos de relacións públicas.
13. Unha boa política europea é aquela que está baseada na continuidade, o consenso e o profesionalismo.
14. Unha boa política europea é aquela que non delega a representación en Bruxelas a entidades autónomas ou privadas.
15. Unha boa política europea é aquela que se dota dunha Delegación Oficial en Bruxelas.
16. Unha boa política europea é aquela que está realizada por profesionais especializados que representan directa e oficialmente ao Goberno e o Parlamento de Galicia ante as institucións europeas e outros gobernos.
17. Unha boa política europea é aquela que entende que o exercicio das relacións públicas ou a celebración de actos culturáis e de promoción en Bruxelas deben subordinarse e ser subsidiarios da actividade política e lexislativa de Galicia na UE.
18. Unha boa política europea é aquela que dispón dunha Secretaría Xeral de Relacións Coa UE, e só para a UE, que coordene a formulación da posición do goberno e represente ordinariamente ao noso goberno ante as institucións Europeas.
19. Unha boa política europea é aquela na que existe un mecanismo oficial de coordenación dos dossieres europeos entre tódalas Consellerías.
20. Unha boa política europea é aquela na que cada consellería conta cunha unidade de especialistas nos dossieres europeos e se nutre da experiencia do mundo universitario e dos centros de pensamento.
21. Unha boa política europea é aquela aproveita plenamente tódolos niveis, non só políticos (Comisión, Parlamento e Consello) senón particularmente os técnicos (conferencias sectoriais, grupos de traballo técnico, comités de xestión) para exercer a súa influencia.
22. Unha boa política europea é aquela na que a Comisión de Asuntos Europeos do Parlamento de Galicia se reúne con frecuencia para analizar en detalle as iniciativas lexislativas europeas e definir por consenso as posicións negociadoras que o Goberno deberá representar no exterior.
23. Unha boa política europea é aquela que sabe adiantarse aos acontecementos e é capaz de prever eficazmente ás decisións da UE e influír nelas, en particular participando nas consultas públicas ou técnicas da Comisión europea, sobre todo aquelas que teñen lugar na fase prelexislativa, que é cando máis doada e efectiva é esta tarefa.
24. Unha boa política europea é aquela que concibe o Parlamento europeo coma unha instancia privilexiada para influír nas decisións europeas.
25. Unha boa política europea é aquela que esta rexida pola transparencia ante a cidadanía respecto dos obxectivos, accións e resultados concretos acadados.
· Galicia precisa dunha verdadeira política europea. De nada serve estar en Europea para estar calados ou pronunciar verbas baleiras. De nada serve estar en Europa para estar xordos.
· Tódolos galegos e todos aqueles outros que desexen ver unha Galicia máis aberta a Europa, unha Galicia que saiba valerse da súa identidade para aproveitar as oportunidades que ofrece o proxecto político europeo están invitados a sumarse a este manifesto.
Bruxelas, 12 Febreiro 2009
Para máis información: AQUÍ

sábado, dezembro 22, 2007


O Tratado de Lisboa leva a Europa ao século XXI

O novo marco xurídico equipa á UE ante os retos futuros e da máis participación á sociedade. Entre os beneficios, para empezar, están os seguintes:
Máis democracia e transparencia. Un millón de europeos de varios países poderán solicitar conxuntamente á Comisión que faga novas propostas sobre as súas políticas (“iniciativa cidadá”). A intervencións da UE se controlarán de modo que só teñan lugar se van a lograr mellores resultados que as nacionais por sí soas.
Máis eficacia. A partir de 2014 a toma de decisions se baseará nun principio de dupla maioría: os votos favorabeis deberán representar, como mínimo, o 55% dos Estados membros e o 65% da poboación. A UE poderá actuar máis rápidamente en cuestións de orde público e loita contra a delincuencia transfronteiriza.
Máis dereitos. A Carta dos Dereitos Fundamentais, recentemente asinada, terá o mesmo rango xurídico que os Tratados da UE e protexerá os dereitos humanos básicos.
Máis proxeción internacional. Cunha soa personalidade xurídica, a UE incrementará a súa capacidade de negociación e a súa eficacia na escea mundial. A actuación da UE fora das súas fronteiras gañará en influencia e coherencia grazas ao novo cargo de Alto Representante para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade.

Tratado de Lisboa
Contexto
Presentamos a versión consolidada definitiva en español do Tratado da Unión Europea (TUE) e do Tratado de Funcionamento da Unión Europea (TFUE), tal como resultan do Tratado de Lisboa polo que se modifican o Tratado da Unión Europea e o Tratado constitutivo da Comunidade Europea, asinado el 13 de decembro de 2007. O traballo de consolidación foi realizado por encargo do Real Instituto Elcano polos profesores José Martín, Catedrático de Dereito Internacional Público, e Mariola Urrea, Profesora de Dereito Internacional Público, ambos da Universidade da Rioxa.

Nota dos autores
Co propósito de facilitar a lectura dos novos Tratados, Protocolos e Declaraciones, optouse por manexar tres tipografías diferentes. Así,
Utilízase tipografía normal (Times 12) para reproducir os preceptos que procedan do texto do Tratado da Unión Europea ou do Tratado da Comunidade Europea nos términos actualmente vixentes;
Utilízase negriña para reproducir as novidades incorporadas aos Tratados sempre que tales novidades xa existan no Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa;
Utilízase negriña e cursiva para indicar as novidades incorporadas aos Tratados sempre que se trate de novidades que teñen a súa orixe no mandato que recibiu a Conferencia Intergobernamental do Consello Europeo celebrado o 21-22 de xuño de 2007.

quinta-feira, setembro 06, 2007


Historia de amor/odio do nacionalismo galego e Europa.

Desde a posición nidiamente europeísta de Esquerda Nacionalista ou Camilo Nogueira versus a filoterceiromundista e "prosoviética" da UPG. Eis un magnífico traballo do Profesor Manuel Anxo Fernández Baz sobre o tema. Para descargar o texto íntegro en formato pdf pica AQUÍ

quarta-feira, agosto 15, 2007


Palabras de Castelao perante o nacemento da Unión Europea

"Velaí un tema que é forzoso encarnar i enxuiciar baixo a luz da nosa vocación universalista. O federalismo volve a rexurdir en Europa coma a única maneira segura de conquerir a paz dentro da liberdade. Xa sabemos que as federacións endexamáis foron enxendradas por doctrinas filosóficas, nin por especulacións metafísicas, nin tan siquera por ideas económicas, senón por exixencias concretas e imperiosas. Se se quer evitar unha terceira guerra que culmine coa disgregación atómica da humanidade, non hai máis remedio que constituír, a toda presa, unha Europa san, solidaria e renacida, frente a todo xénero de totalitarismos e contra o tráxico afán de dividir o mundo en dous bandos estremos ao servizo de dous Estados xigantes. O movimento federalista europeo nasceu coma unha concepción nididamente política, anque agora se deixe elordar por intereses económicos. A federación dos Estados Europeos – según se dixo – sería o modelo e a etapa da federación mundial: único modo de garantir a paz dentro da liberdade. Poderíamos enumerar os tiduos que Galiza ten para merecer un posto de confianza e de honor en calisquer empresa federalista, xa non digamos hispana, senón peninsular. Sembremos, somentes, que tódalas organizacións políticas do galeguismo recoñeceron ester principio básico: “Galiza, célula da Universalidade. Antiimperialismo, antimilitarismo e federalismo internacional”. Esto concédenos un directo especial para opinar encol dun tema que é propiamente galego. Os galeguistas – galeguistas de partido ou sen partido – sentémonos ledos i entusiasmados coa ideia de federar os diversos pobos de Europa".

sábado, maio 20, 2006


GALIZA E A UNIÓN EUROPEA

Galiza é Europa. Con todas as consecuencias. Esta evidente obviedade non está totalmente asumida por completo por unha parte do BNG no limiar do terceiro milenio. O mellor exemplo témolo no pasado referendo de ratificación no estado español da Constitución europea, e a toma de posición ao respecto que o BNG adoptou, toma de posición que deixou claro, que para unha parte do nacionalismo galego pesan máis caducas teorías de catecismo de liberación terceiromundista que reflexións serias sobre o que Europa pode comportar coma oportunidade aberta para unha nación como a galega. Mais Galiza non só é Europa pola súa evidente ubicación xeográfica. Desde o nacemento do Camiño de Santiago, auténtico espiñazo e columna vertebral de Europa, camiño que alén da súa concepción inicialmente relixiosa, representou un feito fulcral vertebrador das europas, aí estaba xa Galiza como protagonista en primeira persoa da historia continental. Porque a pesar da nosa condición periférica en canto xeografía, o noso pais forma parte desde hai séculos do cerne e corazón da vella Europa.

Pero que é Europa e o europeo?

Falar de Europa no 2006, é referirse ás nosas cousas máis cotiáns. Desde as pequenas palabras do día a día como poden ser a dupla porta dos elevadores ou a Lei Bossman no deporte profesional, ate as grandes palabras da historia. Porque europeo é a democracia e o fascismo, o comunismo e o colonialismo, o anticolonialismo e as reivindicacións sociais, a revolución industrial e a conciencia ecoloxista... Porque Europa non é unha caprichosa orientación política senón unha opción case xa vital, máis aínda, para nós os europeos non hai unha formulación alternativa a Europa, non hai outro camiño que o camiño europeo e mentres non interioricemos isto teremos grandes dificultades para avanzar.

Mais o proceso de construción europea non foi nin será doado. Superar séculos de enfrontamentos habitualmente resoltos pola vía militar non son os mellores alicerces sobre os que construír. A pesar disto, a unidade política de Europa é un camiño sen retorno, pola propia competitividade no escenario internacional dos diferentes estados que a conforman. Nun mundo no que o mercado é quen dita o guión, a unidade política de Europa é unha cuestión de supervivencia fronte a un mundo salvaxemente competitivo e unipolar. Facer que non sexan só motivacións económicas as que impulsen o motor da unidade europea, é sobre todo tarefa e responsabilidade das esquerdas europeas, tamén da esquerda nacionalista galega. Mais a esquerda europea do século XXI perdeu na última década o poder en moitos estados do vello continente a prol dunha dereita que axita as súas bandeiras reticentes cando non abertamente hostiles á construción europea e á súa política social, unha dereita que define a súa identidade ideolóxica no marco da máis estrita mundialización neoliberal. A esquerda europea, aínda que xa liberada afortunadamente da lousa do “socialismo real”, non acaba de atopar o seu camiño e da en moitas ocasións a sensación de ser incapaz de propor alternativas políticas novidosas e cribles fronte aos gobernos conservadores que rexen en moitos estados europeos, de traducir o descontento social en alternativas. As esquerdas europeas dúbidan de si mesmas, do seu cometido histórico, das súas capacidades. Esta crise da socialdemocracia europea e a que temos que afrontar, e afrontala acrescentando e afondando no europeísmo coma motor e vínculo esencial para acadar a credibilidade na sociedade europea do século XXI. Non é concebíbel no 2006 unha esquerda europea que pretenda ser alternativa e útil á cidadanía que non milite no máis entusiasta europeismo.
Porque os espazos xeopolíticos sobre os que vai pivotar a política mundial cando menos no presente século fican xa ben definidos. Por unha banda os Estados Unidos coa suma interesada mais a efectos económicos de enormes proporcións de Canada e México. China na que todas as súas cifras macroeconómicas son astronómicas, co seu disciplinado mercado de traballo e o seu perfeccionado aparello político-militar represivo ao servizo dunha expansión económica da que só encetamos a ver seu comezo. India, país que de vagar, pola porta de atrás entrou xa en todas as quinielas das potencias do século e, a Unión Europea. A comezos do século XX a revolución soviética e o nacemento da URSS, supuxeron a expectativa dunha revolución internacional a pesar da súa orixe europea, logo dúas guerras mundiais, auténticas guerras civís europeas, remodelaron o mundo. Como consecuencia dun século marcado polo enfrontamento fratricida entre europeos, nace no ano 1959 a Unión Europea como un ente que en pouco tempo amosou a súa gran capacidade de transformación e evolución, dende aquela primixenia CECA, logo CEE, posteriormente CE e agora xa Unión Europea e que ten demostrado na súa curta pero intensa historia, capacidade dabondo para afrontar situacións difíciles. Fronte a visión multipolar que representa a UE, hoxe os EE UU emprenderon a tarefa de debuxar unha nova orde mundial total, na que só unha Europa unida é garante de equilibrio, fronte a un mundo perigosamente unipolar, Europa debe representar o equilibrio multipolar. Porque debemos ser conscientes de que o rumo que marca a UE muda radicalmente as circuntancias e condicións da batalla política pola democracia, a liberdade e o desenvolvimento económico e social en todo o planeta. Eis a nosa gran responsabilidade como galegos e europeos da que non podemos nin debemos dimitir.
No tempo da mundialización, a Unión Europea, con perto de 500 millóns de habitantes, é potencialmente capaz polo seu potencial económico, cultural, científico, tecnolóxico e sobre todo pola súa tradición democrática, de establecer e defender por sí mesma unha sociedade aberta ao mundo e unha política social e territorial non sometida ás suicidas políticas ultraliberales dos EE.UU. Mais non podemos negar que Europa atravesa tempos de crise, tamén e principalmente de crise de identidade. Quizais unha das causas foi a de afrontar a ampliación sen ter en conta a necesidade primeira da profundización, consolidar primeiro antes de seguir avanzando. Para saír do estancamento no que nós topamos non podemos permitir que Europa reduza ás súas ambicións e se limite a un proxecto económico máis ou menos ambicioso, se Europa non ten máis ambición que a do mercado, se os Estados membros non ven na adhesión outra cousa que o acceso a vantaxes económicas, entón o noso proxecto de unión política de Europa fracasaría. A esperanza é que historicamente, na súa curta pero intensa vida, Europa sempre fixo das crises unha plataforma para dar un novo salto, seguro que este paréntese non será a excepción.
Por que Esquerda Nacionalista entende que a Unión Europea significa unha oportunidade para unha nación como a nosa?
Porque a Unión Europea supera por definición o carácter omnipotente dos Estados, transforma as soberanías absolutas dos mesmos en soberanías compartidas, camiña en contra da concepción dominante ate agora do Estado-nación uniforme, e achega unha oportunidade histórica para as aspiracións das nacións sen Estado como é o noso caso. Porque a autodeterminación das nacións xa non pode ser combatida no seo da Unión Europea co argumentario tradicional da separación. Porque mesmo se Galiza se reivindicase como un Estado, nas mesmas condicións que Dinamarca, que Portugal, que Luxemburgo ou que Holanda, isto non significaría o arredamento, senón o pleno autogoberno dentro dunha Unión Europea confederal sen fronteiras interiores. Alí onde dominaba a uniformidade como garante do poder do Estado, a Unión Europea establece a diversidade nacional, política, cultural e lingüística. “Unida na diversidade” reza a divisa da UE. En definitiva, para unha nación como é o caso da nosa, nun proceso de reconstrución no que ten que confrontar os seus intereses cun estado español remiso ou abertamente hostil ao pleno recoñecemento da nosa condición nacional, a vía de Europa é unha oportunidade histórica para afondar, para poder incluso bordear obstáculos. Canto máis europeos sexamos, menos españois seremos. A maior contribución das nacións europeas ao proceso europeo de integración é a súa diversidade e precisamente a súa riqueza cultural. As rexións europeas corrixen o déficit democrático dos mecanismos institucionais europeos e achegan moito máis aos cidadáns ás estruturas de poder e de toma de decisións Recentemente o Consello de Europa pronunciouse abertamente a prol do recoñecemento explícito das diferentes realidades nacionais dentro dos diferentes estados europeos. No documento denominado “O concepto de nación” o Consello de Europa recomenda aos 46 países membros que reforcen o recoñecementos dos lazos de cada cidadán coa súa cultura e a súa identidade como membros dunha nación. independentemente do estado no que vivan. A Constitución Europea, agora mesmo nun receso de análise e reflexión derivado dos non de Francia e Holanda, significa un chanzo máis no irreversíbel proceso de unidade política europea. A vitoria do "non" no referendo francés sobre a Constitución europea e a sucesiva no referendo holandés non son certamente un incidente menor, reclaman de todas as esquerdas europeas de matriz socialista un exame crítico das nosas responsabilidades nunha derrota que non é só francesa ou holandesa, é un fracaso colectivo de todas as esquerdas europeas.
Conclusión.

No espazo de medio século, a Unión Europea contribuíu a propagar a democracia, o Estado de dereito, os avances sociais e a prosperidade económica continental, tras dous mil cincocentos anos dunha historia marcada polo odio entre nacións, relixións e ideoloxías. A Unión Europea ten a consistencia política e económica precisa para manter e desenvolver os valores fundamentais que a definen. Falta avanzar no afortalamento da vontade política colectiva que o faga posíbel. Dos partidos políticos europeos, das organizacións sociais continentais depende. Non hai outro camiño racional e praticábel para a Unión. A permanencia na incerteza e na confusión non sería perdoada pola sociedade europea. É demasiado precioso o legado deixado ate hoxe pola Unión, legado do que resulta unha revolución histórica institucional sen equivalente no longo proceso de creación secular das institucións estatais en todo o planeta. Será de certo tarefa dos historiadores xulgar a impotencia ou a valentía da socialdemocracia europea para atopar respostas e solucións á cuestión europea, xulgado será coma un dos os nosos maiores fracasos ou dos nosos maiores acertos. Non podemos permitirnos o luxo de equivocarnos, necesitamos unha nova Unión Europea para este novo século. E unha nova esquerda europea capaz de rexeitar os chamados do populismo e do proteccionismo chovinista que abren a vía ás dereitas euroescépticas por toda Europa. Esquerda Nacionalista, como partido socialista galego reivindica máis unha vez a súa profunda convicción europeísta e asume o ilusiónante reto de contribuír desde a Fisterra das europas á construción dunha esquerda europea que afronte a ilusiónante responsabilidade na tarefa de dar respostas e solucións aos retos que a cidadanía europea ten plantexados no 2006. Acadar que a Unión Europea non sexa só un mercado común económico será sen dúbida un dos principais. Esquerda Nacionalista reivindica o obxectivo do pleno recoñecemento de Galiza como estado soberano no seu da Unión Europea.
Texto do Relatorio aprobado na V Asemblea Nacional de Esquerda Nacionalista