quinta-feira, maio 01, 2014

Mapas sociais europeos. Por Lluis Foix

A noite estrelada (De sterrennacht) de Vincent van Gogh

Mapas sociais europeos
Por Lluís Foix
La Vanguardia / 30.04.2014

Empeza un longo percorrido polas urnas que debuxarán novos mapas políticos locais, nacionais e europeos para finais do 2015. A primeira cita son as europeas do 25 de maio. Verase como as sociedades, a longo prazo, xulgan máis os actos que as intencións, as realidades que os discursos. Levamos moito tempo agochando problemas coma o paro, a corrupción e o deterioro do Estado de benestar. Xa non abonda con finxir, con verdades a medias, con anuncios de optimismo cando a realidade é que simplemente só hai síntomas tímidos dun certo crecemento que afectará o conxunto da sociedade dentro dun tempo indeterminado. Imos mellor pero non estamos ben. 

Non é necesario que a campaña das europeas sexa sobre os grandes conceptos sobre os que se construíron os éxitos da Unión Europea no último medio século. Trátase máis ben de achegar aos cidadáns a unhas institucións que son de grande utilidade pero que aparecen afastadas e innaccesibles. A tantos millóns de mozos sen traballo e sen esperanza hai que ofrecerlles un horizonte no que unha combinación de esforzo e talento permítalles seguir as pegadas dos seus pais. Europa levantouse das cinzas da guerra con máis sufrimento que satisfaccións. A reconstrución dirixírona os gobernos con visión social pero quen a realizaron foron as xentes que traballaron coa idea de que non só había que restaurar as desfeitas senón que era necesario crear unha sociedade solidaria, aberta e libre. 

Líderes como Adenauer, De Gaulle, Schmidt, Kohl, Mitterrand, González e tantos outros sabían o que custa porse de acordo entre democristiáns e socialdemócratas. Inspiráronse nos pais fundadores que sementaron a idea e eles a implementron dúas xeracións despois con acordos e pactos transversais. Europa é a historia escrita en moitas madrugadas ao bordo do fracaso. Este capitalismo renano que foi teorizado e posto en práctica polo chanceler Ludwig Erhard (1963-1966) tiña dous eixos fundamentais. Primeiro, crear riqueza e, logo, repartila de xeito xeneroso e equitativo. Todo nun marco de liberdades. Seguramente moitos deles leron a Tocqueville cando falaba sobre América e dicía que "non hai ditadura maior que unha democracia sen liberdade". 

Para poder repartir riqueza é necesario creala primeiro. Aos políticos que entran en campaña estes días hai que esixirlles que desterren a palabra baleira, a retórica, as promesas e as pugnas inútiles cos seus adversarios. O Parlamento Europeo vai elixir por primeira vez ao presidente da Comisión. Hai que esixir nos debates que plans teñen para consolidar a ampliación a 28 estados. Tamén hai que pedirlles que ideas sopesan sobre o movemento de tropas e de fronteiras nos confíns da Europa oriental. Rusia é un socio de primeira magnitude, pero non se poden aceptar todas as súas accións que afecten á dignidade das persoas ou comporten cambios unilaterais de fronteiras. Agora que xa non dispomos dun paraugas de seguridade tan extenso e tan poderoso como o de Estados Unidos, é necesario facer pedagoxía sobre como se pode organizar mellor a defensa e a seguridade de Europa se Rusia decide cruzar as liñas vermellas en Ucraína. 

Agárdase dos políticos que nos expliquen como pensan reducir as crecentes desigualdades entre os poucos que cada vez teñen máis e os moitos que cada día posúen menos. Unha distribución da riqueza equitativa é imprescindible para que sobreviva a idea de Europa que coñecemos. O distanciamento entre políticos e cidadáns é inaceptable porque pode converter a Europa nunha grande estrutura afastada da vontade dos cidadáns. O déficit democrático non é un invento académico ou unha especulación xornalística. Europa é algo máis que unha gran realidade supereconómica con orzamentos desorbitados. Europa é a patria da memoria e, por iso, ten un gran reto para borrar as desfeitas causadas polas guerras incubadas no continente en diversas épocas e circunstancias. 

Os dereitos e deberes das minorías e os pobos forman parte da folla de ruta inicial e hai que combater que partidos racistas poidan construír políticas xenófobas no novo Parlamento Europeo. A forza de Europa, a súa capacidade de atracción para os chegados do leste, do sur e de países transatlánticos, é respectar o dereito e protexer e tratar con dignidade aos que arriscan as súas vidas e chegan a Ceuta, Melilla, Lampedusa e as costas gregas. A campaña non pode ser de voo raso, endogámica, pendente de rivalidades de campanario. Só unha Europa forte pode garantir o dereito de todas as minorías e os pobos. As pelexas locais terán que dirimirse desde discusións civilizadas e abertas. O sociólogo alemán Ulrich Bech di que "a política é nacional e está nacionalmente organizada, pero os problemas non son nacionais senón transnacionales". Desde Europa é desde onde se poden modificar mellor os tan desequilibrados mapas sociais.

Sem comentários: