sábado, maio 10, 2014

O rapto de Europa. Por Xosé Ramón Pena


O rapto de Europa
Por Xosé Ramón Pena
Faro de Vigo - 10.05.2014

Segundo informan os diferentes medios -nin que dicir ten, este venerable rotativo sempre na vangarda-, tal semella que, a non ser que a campaña electoral deveña co abriante poder de obrar inusitados milagres, os próximos comicios europeos ben poden coñecer todo un récord de abstencionismo por parte daqueles que estamos chamados ás urnas; así para alén do Miño/Minho ou dos Pirineos como igualmente neste estado, país de países ou como queiran Vdes. denominar a estas alturas a España, arquipiélagos e prazas de soberanía adxacentes. Penso que moitos de Vdes., talmente como un servidor -a "peitearmos canas"-, formamos parte dunha xeración decididamente europeísta; acaso, a máis europeísta da historia. Coido tamén que non ten nada de extraño que tal fose -sexa- desa maneira. Vidos ao mundo nos estertores dunha interminable posguerra, tivemos tempo dabondo aínda de saber das miserias físicas e morais do tempo terrible no que lles tocou a -mala- sorte de habitar aos nosos país. Así mesmo, chegamos a padecer aínda as secuelas, "danos colateriais" daquel infortunio en carne propia: personalmente, teño relatado, e volvo facelo agora mesmo, que a xuvenil aversión, a miña profunda repugnancia diante das ditaduras ten que ver, en verdade, coa herdanza familiar, coa formación cultural e con esoutra sentimental; pero asemade co feito de non poder acudir no seu día -impedíronmo as autoridades militares do momento, en forma de negación do corresponde permiso sen o cal resultou imposible obter o pasaporte- a un concerto dos Rolling Stones en París. Desde logo, estou completamente certo de que o meu caso dista ben de resultar único e/ou inusual. Así pois, chegamos á idade adulta, adentrámonos nela considerando Europa como o territorio cobizado polo que pagaran -e pagaban- a pena todos os sacrificios. Europa vestía, calzaba, desprendía..., cheiraba e sabía a liberdade. Como non namorarnos dela? Creo que tanta foi a paixón posta no empeño que, malia calquera reticencia, nin sequera a chegada do euro foi capaz de alicerzar suspicacias e desplantes. Ao cabo, entendíase como un paso necesario na gran construción da casa común que todos levásemos a mesma clase de billetes na carteira; dixéronnos: "se queremos unha Europa social común, cómprelle antes aceptarmos unha Europa economicamente unida. O euro, a moeda única constitúe un paso imprescindible para acadarmos tal: meus, trátase dun prezo que temos que asumir." Infelizmente, as cousas dimanaron de xeito ben diferente. O todopoderoso euro converteuse en algo parecido a como se alguén nos viñese (case) regalar unha magnífica berlina alemá -nunca mellor dito-, incluíndo, ademais, na proposta dous anos de garantía total, seguro gratuíto e cupóns de gasóleo para os 25.000 primeiros quilómetros. Perante unha oferta tal, quen ía persistir en acudir, daquela, a pé/transporte colectivo ao traballo?; quen capaz de resistirse a chulear as fins de semana e incluso a atreverse a cruzar os límites patrios e darse un "garbeo",no medio e medio dunha "ponte" primaveral/vacacións estivais por eses mundos? Estaba claro, cristalino: Europa e mais o euro podían con todo! Evidentemente, nin falta fai que lles lembre a Vdes. que foi o que aconteceu cando, un bo día, logo de que se cumprise o tempo da oferta, viñeron os recibos: o do crédito solicitado no banco/financeira, o do seguro...,a primeira visita, xa fóra de garantía, ao taller: "é que as pezas teñen que vir directamente de fábrica, en Alemaña "(e de novo, nunca mellor dito/escrito). Tanto ten que sexan galgos ou podencos, churras ou meiriñas...., liberais ou socialdemócratas: velaí como o novo artigo 135, punto 2 da Constitución española sinala a imposibilidade de aceptar "un déficit estrutural que supere as marxes establecidas, no seu caso, pola Unión Europea para os seus estados membros". Si, vale; pode que até sexa razoable consideramos a austeridade; sen embargo, dúas cousas esenciais: acontece que adquire categoría de sacrosanto, inmanente aserto e episteme... puro e duro dogma de fe algo que, por propia esencia, é materia de aberta controversia cando non simple doxa. Ao tempo, e para alén do pequeno teatrillo litúrxico, dos golpes no peito... a autoproclamada esquerda con vontade de goberno -todas as esquerdas con vontade de goberno- propuxéronse, e propuxéronos, o harakiri. Así as cousas -dito/escrito está que o universo semella moverse mediante simetrías e paradoxos-, eis como os únicos realmente entusiasmados diante das eleccións europeas veñen ser os simpatizantes de forzas -euroescépticas, escriben algúns pimpinelas; fascistas sen máis, poñemos nós- como o UKIP inglés ou o FN de Marine Le Pen. Mentres tanto, a xeración máis europeísta da historia, cansa e derrotista, durmita no sofá do paro: é que todo, absolutamente todo non foi máis que un simple soño? Se non o divino Zeus, quen foi raptar de veras á (nosa) fermosa Europa?

Sem comentários: