quinta-feira, dezembro 20, 2012

O premio Nobel da Paz, Unión Europea e Euskal Herria



Por Jon Iñarritu*

Esta semana, a Unión Europea (UE) foi galardoada co Nobel da Paz de 2012. Unha decisión que aínda que espertou controversias, é innegable que ten factores favorables. Por unha banda, a consolidación da paz, da democracia e da convivencia nestes 60 anos era impensable na Europa xurdida tras o horror da II Guerra Mundial. Doutra banda, é reseñable o papel desempeñado pola UE na resolución e consolidación de conflitos, tanto clásicos como asimétricos no exterior, como no interior. Entre os que destacan a Misión de Observación en Xeorxia, Eulex en Kósovo, membro do Cuarteto para Oriente Medio, as 23 operacións civís e militares desenvolvidas, ou a súa participación no proceso de paz norirlandés (Programa Peace). Por iso, é posible afirmar que no século XXI a UE é actor principal nos procesos de paz e seguridade. Non en balde no Tratado da UE (art.3) declárase que a Unión ten como finalidade promover a paz, os seus valores e o benestar dos seus pobos.

Pero sendo así, seguramente, máis dun preguntarase por que a Unión non se implicou no conflito vasco. A realidade é que os diferentes gobernos españois impedírono activamente. O mesmo Aznar no seu recente libro «Memorias I», en relación ás negociacións con ETA hai unha década, afirma: «tiñamos claro que iamos rexeitar calquera intento de internacionalizar a tregua; é dicir, non iamos aceptar ningunha inxerencia dos sempre dispostos mediadores internacionais que só serven para dar pábulo á patraña sobre o conflito vasco e para colocar a España baixo presión». Na reunión de hai escasas semanas coa Comisaria europea Malmström, unha deputada popular afirmou o mesmo: «non queremos a mediación nin participación internacional». No entanto, o máis desolador é que os representantes da UE, por non desgustar a España repiten o mesmo: «é un asunto interno». Ben pero, non somos os vascos cidadáns europeos?; non é o País Vasco territorio europeo?; é que non se produciu violencia en dous Estados membros? Dígase o que se diga o caso vasco é un asunto interno da Unión Europea, de feito é o último conflito que ten pendente de resolver.

Jon Iñarritu nunha intervención na Comisión de AA.EE do Congreso dos Deputados

 
Pasado un ano da Conferencia de Aiete e do anuncio de ETA do cesamento da súa violencia, que dúbida cabe que a sociedade vasca atópase nunha mellor situación. A cidadanía vasca no seu conxunto traballou tenazmente para abrir este novo escenario e neste momento, é cando fai falta consolidar a paz resolvendo as consecuencias técnicas do conflito como ditan a lóxica, a maioría social vasca e o 2º punto da Conferencia de Aiete. En cambio, as autoridades españolas e francesas decidiron facer oídos xordos a esta demanda e con iso eludir a súa responsabilidade.

O Reino de España actúa coma se nada cambiase, segue cos esquemas do pasado: detencións, ameazas e lexislación e medidas de excepción. O ministro de Interior recentemente afirmou: «O que pasa é que o Goberno nin negociou, nin negocia nin vai negociar cunha organización terrorista. Deixámolo moi claro desde o principio e iso é o que hai. O Goberno non vai negociar nunca con ETA porque se inicias unha negociación é porque entendes que o teu interlocutor ten razóns, e unha organización terrorista non ten ningunha razón». Declaracións realizadas con apromo, que non resultarían ridículas se non tivésemos en conta: 1. O anterior Goberno do PP si negociou con ETA; 2. O Executivo español ten saudado e mostrado o seu apoio ao Goberno colombiano polo diálogo coas FARC; 3. O secretario de Estado de Asuntos Exteriores do Goberno afirmou que España (do mesmo xeito que outros países europeos) mantén un diálogo aínda que sexa de xeito indirecto co grupo fundamentalista Hamas, declarada como organización Terrorista pola propia UE; e 4. España, o pasado verán, negociou e pagou un rescate á organización yihadista MUJAO co obxectivo de liberar a dous cooperantes en Mali, feito sobre o que o ministro de Exteriores sentenciou: «Nestes temas o Goberno fixo o que tiña que facer».

Como vemos, o Goberno actúa con responsabilidade noutros asuntos, mesmo afastados, pero négase a unha negociación técnica cunha organización que renunciou xa á violencia. O certo a día de hoxe é que o PP se atopa nunha situación difícil á hora de actuar segundo os estándares internacionais de resolución de conflitos, debido á presión de diferentes lobbies, uns internos e outros creados e inflados no seu día polo mesmo PP. Por iso é difícil imaxinar a curto prazo unha negociación, polo menos directa, entre ETA e o Goberno español. O que non lles escusa para seguir ancorados no seu inmobilismo.

Pola súa banda, a República Francesa actúa coma se o asunto non lle concernira, c'est un problème espagnol, negando a evidencia de que parte de Euskal Herria se atopa no seu territorio e, polo tanto, a historia da violencia deste país está intrinsecamente ligada tanto ao seu territorio Pays Basque como ao resto da República. Non lle incumbe a Francia o asunto?

Ante a actual situación de bloqueo dunha das partes e o desexo da sociedade vasca de consolidar o escenario de paz aberto en Euskal Herria, unha representación do Acordo de Gernika dirixímonos o pasado martes a Estrasburgo, co fin de solicitar ás institucións da UE a súa participación na resolución deste «asunto europeo»; mesmo a pesar da actitude inmovilista dos dous estados. Como cidadáns europeos reclamamos á UE, ante esta situación de impasse da fase resolutiva, que exerza o papel que lle corresponde como nobel e axente de paz, xa que cremos que pode ser crucial.

Iso si, isto non é óbice para lembrar que até agora os maiores avances na normalización e pacificación procederon da unilateralidade. Polo que todo novo paso na unilateralidade será clave, xa que ademais de ser recibido con satisfacción pola cidadanía vasca, deixará en evidencia as medidas do pasado e forzará a que se modifiquen. É hora de establecer un futuro de paz estable e duradeira en Euskal Herria e en Europa.

Sem comentários: