Europa réndese
Por Abel B.Veiga Copo
Ante a crise, ante o liderado, ante o protagonismo, a Unión Europea perde forza, réndese, sublime, perdida na súa propia indiferenza. Está á expectativa, inoperante, sen ideas. Pasiva, sen tomar un rumbo, sen marcar unha propia pauta. Esperando que outros fagan, culpando e responsabilizando deste desastre económico o falso liberalismo sen escrúpulos e ausencia de supervisión real da economía e o sistema financeiro norteamericano. Pero esquece que os riscos non coñecen de fronteiras, os riscos sistémicos están aí, que as economías nunca máis que hoxe son interdependentes. Que os restos e as ameazas son practicamente comúns para todos. Epígonos dun liderado falso e efémero convocan un cumio que reúne os catro países europeos que ao mesmo tempo pertencen ó G-8, isto é, o club dos máis industrializados, sete máis Rusia, a nova Rusia de pasados imperiais e en pleno transo de botar un pulso a esa Europa hoxe descreída, mal liderada e sen un rumbo certo e claro. Vaia remedos de líderes o francés, o inglés, italiano e a alemá, bastante teñen con mirar cara a dentro, non só nos seus propios países, tamén nos seus propios partidos.
O Fondo Monetario Internacional alerta do embate esgazador desta crise económica, de que fai falta unha resposta conxunta e coordinada da Unión Europea. E Bruxelas mira cara a outro lado entre tímida e sen saber moi ben que facer, que decidir, e por quen. A espera acábase, afoga as ideas. Non, non se acaba o liberalismo nin tampouco é a intervención do Estado a solución a todo. Uns escandalízanse, outros seguen na súa propia e mesiánica cegueira e os moitos piden o auxilio e a intervención do Estado. Papá Estado, o orzamento, os impostos de todos os contribuíntes como salvadores do insaciable vórtice de executivos e especuladores que levaron a economía cara ó abismo. As crises non son malas, ó contrario, limpan toda a follaxe e toda a maleza, pero quen a sofre, xa se sabe. Maximización privada de beneficios e privilexios para uns poucos, socialización por parte de todos das perdas, dos danos. Esta foi e é a tónica do capitalismo, o único sistema que temos, probablemente non sexa o mellor, pero non hai outro novo e todo o que o rodea era infinitamente peor. Foi a desregulación progresiva dos mercados financeiros, consentida e acirrada polos gobernos, a que levou a este desastre sen paliativos. Non hai controis ou estes son netamente insuficientes. Non hai solidez real no sistema financeiro, por moito que proclame ou arengue o noso presidente do goberno en Nova York. Vinte mil euros por cliente no Fondo de garantía bancario é simplemente irrisorio. Bastaría que concursase unha mediana entidade de crédito para que o pánico non só se estendese en todo o sector financeiro, tamén na cidadanía. Son os excesos e o descontrol o que lastrou todo. A prudencia non existe nun século XXI confuso e aloucado.
Esa Europa que non é capaz de decidir cara a onde vai, con quen vai e como vai. Unha Europa incriblemente timorata, perdida na ciénaga dos voluntarismos nefastos e os egos descridos. Unha Europa sen un temón, sen un motor que empuxe. Somos demasiados, e á vez enormemente diferentes. En tempos de bonanza nada se critica, en tempos de crises todo se envolve dunha atmosfera nacional e identitaria que esquece o proxecto común.
Tirado do xornal Galicia-Hoxe
Sem comentários:
Enviar um comentário