quarta-feira, agosto 30, 2006



MAIOR VELOCIDADE PARA A EUROPA SOCIAL.
Carlos Trevilla

Son moitas as voces en Europa que pensan que agora é o momento para “ecomezar de novo” o proceso de unidade europea. É difícil ou prácticamente imposíbel, xa que o “adanismo europeo” non existe. Á altura na que estamos hai unha realidade que parece irrefutábel: unha Europa máis social esixe necesariamente o acompañamiento dunha Europa máis federal. Hai un temor, carente de fundamentado, pero bastante interiorizado, en sectores da esquerda de que unha Europa máis federal debilita e socava as conquistas sociais dos seus propios países. Non concordo. Pola contra, únicamente unha estrutura europea máis federal é o ámbito institucional máis favorábel para que a esquerda política e social poida mellorar a relación de forzas, condición necesaria para desatascar o proxecto europeo que, como moita cidadanía opina, é a única alternativa para afastarnos progresivamente do que se vén chamando “mercadolatría ou globalismo neoliberal”. O primeiro ministro belga Verhofstadt, convencido europeísta, afirmou en datas recentes: “O cidadán apeouse da UE e votou en contra porque cre que Europa xa non aporta solución aos seus problemas, consecuencia, en parte, das sistemáticas críticas que moitos gobernos dirixen a “Bruxelas”, responsábel de todos os problemas sen atribuírlle ningún mérito no éxito das súas políticas”.

Na situación actual é o discurso sindical europeo, coas súas lagoas, carencias e todo o que se lle poida criticar, o banco de ideas máis constante e máis útil para facer posíbel unha construción europea máis completa e menos desequilibrada. Este discurso trata de facerse visíbel en momentos importantes, aínda que non con moito éxito. Por iso interésame contribuír á súa visibilidade e divulgación. En concreto, antes do Cumio de Dinamarca, o Comité Executivo da Confederación Europea de Sindicatos (CES) fixo pública unha extensa e sustanciosa resolución, sob o título: “A Europa social debe avanzar a maior velocidade que supón un conxunto de reivindicacións e de propostas tanto para as institucións europeas como para os xefes de estado para saír do atasco no que o debate sobre o futuro da UE se atopa”.

A CES considera que é o momento de facer fronte á realidade: a falta dunha verdadeira cooperación e dun liderado en Europa son as razóns polas que a Estratexia de Lisboa non funciona. Unha parte importante dos países europeos poderían facelo moito mellor. Non é só a economía a que sofre un crecemento feble e unha falta de recuperación, a Europa social tamén sofre ese estancamento. A pobreza está en alza. Os empregos precarios, que ofrecen salarios míseros, pouca ou ningunha seguridade, e non ofrecen acceso á formación nin perspectivas dun mellor emprego esténdense por toda Europa. En moitos países, representan entre un cuarto e ate un terzo do conxunto do emprego. Unha cuarta parte das persoas que viven en risco de pobreza teñen de feito un emprego, mais un emprego que non lles aporta un salario decente. Máis ou menos, os salarios reais non progresan e os traballadores xa non se benefician dos froitos do crecemento da productividade. Moitos deles vense forzados, mediante chantaxe, a aceptar baixos salarios e un aumento das súas horas de traballo, mentres que os beneficios dispáranse e algúns “felices escollidos” aproveitanse de incribles vantaxes. Non é unha coincidencia. Tampouco é a inevitábel consecuencia do enfoque europeo que tende a conxugar a actividade do mercado coas correcciones sociais, a intentar manter as sociedades unidas evitando que avancen as grandes desigualdades entre os gañadores e os perdedores. Pódese ver claramente no feito de que certo número de estados, en particular do norte de Europa, están tendo moi bos resultados en términos económicos, precisamente porque se centran tamén na cohesión social e na Europa social . Non, é nas decisións de política económica onde hai que buscar aos verdadeiros culpábeis, no uso abusivo que o modelo económico europeo fai dos conceptos de competitividade e estabilidade.

En nome de la “competitividade”, os estados membros sobrepuxan os uns aos outros para ofrecer os salarios máis baixos, o réxime de traballo máis flexíbel, os dereitos de traballo máis restrinxidos e os impostos sobre beneficios máis moderados. Todos están aplicando con demasiada frecuencia estratéxicas de “cada un para si” nun intento van e contraproducente de atraer ao seu país unha maior parte da base industrial que queda en Europa. Non traballan xuntos para establecer e ampliar a economía europea no seu conxunto mediante o investimento conxunto en investigación, innovación e coñecemento para todos. No canto de intentar aumentar o tamaño do pastel, só pensan en competir uns cos outros para conseguir unha parte maior. E, en consecuencia, o pastel encolle.

Someténdose a esta competencia, Europa está privándose da demanda, das oportunidades comerciais e corre cara ao desastre económico e social. En nome da “estabilidade”, os bancos centrais e os gobernos deixan a outros, e xa que logo a ninguén, a responsabilidade da recuperación trala crise. En nome da “estabilidade” creouse un círculo vicioso, en especial na zona euro. Para loitar contra a inflación, a política monetaria mantén á economía por baixo das súas posibilidades. Para loitar contra os déficits públicos que supoñen o mantemento da actividade por baixo das súas posibilidades, os gobernos aumentan os impostos indirectos que fan á súa vez aumentar os prezos. O ciclo de tolemia péchase cando o banco central comeza a subir os tipos de interese para loitar contra o perigo imaxinario de inflación que xorde polo aumento dos impostos indirectos. Máis que de estabilidade teriamos que falar de desastre económico. A estabilidade acadada deste xeito é unha “estabilidade de cemiterio económico”.

A CES non quere menos Europa; o que queren os traballadores europeos é unha Europa diferente e mellor. É o momento de pasar a unha velocidade social superior. É o momento de mudar de dirección e afastar á economía do borde do cataclismo económico. A CES recomenda con insistencia ao Consello Europeo que cambie o modelo de proceso decisorio en materia de política económica e que asuma a responsabilidade dunha demanda interior dinámica no seo de Europa, en lugar de deixar que a responsabilidade recaia sobre outros. Debería porse en marca unha Iniciativa Europea de Crecemento que busque un doplo dividendo mediante o investimento nas prioridades de Lisboa e a saída da economía da crise. Os proxectos para reducir os déficits deben ter en conta a fraxilidade da recuperación. E hai que por fin ao ciclo de tolemia dos gobernantes que, aumentando os impostos indirectos, proporcionan unha coartada aos responsábeis dos bancos centrais para aumentar os tipos de interese.

Se queremos situar a xustiza social e as condicións de traballo xustas, é preciso acompañalas con políticas fiscais xustas. A CES está preocupada polos anuncios de novas reformas fiscais que pretenden continuar a espiral fiscal descendente. A CES sinala que os obxectivos fundamentais da fiscalidade son acadar unha distribución equitativa dos ingresos e permitir o financiamento dos bens e servizos públicos e da seguridade social.

Estes son parte dos contidos dun modelo económico e social que, co apoio dunha cidadanía crítica suficiente, é posíbel. Adóitase dicir que a política debe facer posíbel o necesario. Hai que demostrar que no ámbito da globalización é posíbel construír un modelo diferenciado de competitividade económica que faga posíbel soster e desenvolver o ameazado modelo social europeo.•

Sem comentários: