sexta-feira, junho 09, 2006



A UE RELANZA A DEFENSA DA BIODIVERSIDADE
Por Xosé Manuel Figueiras

Seguindo o mesmo camiño dos plans cadro plurianuais xa existentes en investigación, ou cunha estratexia similar ós obxectivos fixados en Lisboa, a administración comunitaria dirixe agora as súas miradas a clarificalas responsabilidades das institucións estatais e europeas, á hora de freala extinción das especies vexetais e animais e protexela biodiversidade no continente. Ata o momento, catro iniciativas sobre a biodiversidade foron adoptadas dende o 2001 baixo o paraugas da chamada Estratexia Europea da Biodiversidade, que fora acordada con anterioridade en 1998. Os catro plans concirnen á conservación dos recursos naturais, á agricultura, á pesca, e á cooperación económica para o desenvolvemento fora das fronteiras comunitarias.

Os catro plans son o impulso xerado pola daquela Unión dos 15 estados membros que máis tarde se viu ampliada, e que na reunión de Goteburgo 2001, acordaron frear a perda de biodiversidade na UE de cara ó 2010 e restaurar dentro do posible os hábitats e ecosistemas naturais. En 2002, uníronse estes esforzos ós de 130 lideres mundiais que se emprazaban para atallar o nivel de perda de biodiversidade global tamén ate o 2010.

Dende aquela, poucas achegas efectivas son dignas de ser destacadas. No entanto, o 22 de maio, a Comisión Europea desvelou un novo plan de acción en biodiversidade, o quinto dende o 2001, que á diferenza dos anteriores, non chega repleto de novas e ambiciosas leis da protección das aves migratorias e dos hábitats naturais. Desta vez, cun afán práctico, a Comisión, trata de aclaralas responsabilidades á hora de implementar calquera lexislación xa existente, e pretende ser capaz de implicar ós actores necesarios, amais de conxuntar recursos suficientes para garantilo éxito das propostas comunitarias.

No tocante á biodiversidade, a EU pretende acadar un maior compromiso e entendemento cos Estados membros, para protexer os espazos da rede Natura 2000, cunha maior complicidade entre os gobernos locais e estatais, e cun maior aproveitamento dos recursos asignados á política agraria e pesqueira. Por outro lado, a nivel global, búscase fortalecela coherencia e as sinerxías entre o comercio e o desenvolvemento, promovendo a Convención de Nacións Unidas sobre a Biodiversidade, así como outros acordos encamiñados á protección contra a deforestación tropical. Con respecto ó cambio climático, facendo referencia ás metas de Kyoto e ós ambiciosos compromisos sobre emisións para máis aló do 2012. Afírmase unha vez máis a insistencia nas enerxías renovables que limiten a incidencia do quecemento global. Todo isto, complementado pola insistencia en fortalecer Europa como área de investigación na súa vertente internacional, promovendo as infraestruturas, a conexión entre a ciencia e as políticas activas, e o fomento do intercambio de datos e a mellora dos resultados finais.

O primeiro aspecto chamativo da nova liña de actuación é que por primeira vez se recoñece a ineficacia das actuacións previas. O feito de que se realice un exame de conciencia sobre as políticas que non aportaron os resultados agardados, é un avance de cara á remodelación das iniciativas emprendidas para acadalos obxectivos de 2010.

Pero amais diso, afóndase nunha serie de accións, como a rede natura 2000, unha rede europea de protección das reservas naturais comunitarias, que acadan ata o 18% do territorio dos 15, e que agora se amplía ós 10 novos membros, así como a maior implicación da política común de pesca, ou da política agraria común, que consagrarán maiores recursos e deben ter en conta a incidencia na vida salvaxe, facendo un maior fincapé na investigación sobre biodiversidade. O descenso nas capturas pesqueiras, os danos nos campos e no chan de cultivo, e a desaparición paulatina da vida salvaxe, fixeron saltala voz de alarma amplamente difundida a través das ONG de protección do medio ambiente, que están presentes no proceso de diálogo e adopción das iniciativas comunitarias.

Para remediar esta situación, a Comisión propón por tanto unha maior transversalidade e cooperación, entre as distintas políticas primarias tanto produtivas como extractivas, coa intención de que unha maior adaptación interdependencia entre elas conduza a unha economía de recursos necesaria. Polo tanto, no aspecto financeiro, a Comisión afirmase nunha maior practicidade no uso das axudas existentes unha maior interdependencia en programas como os de desenvolvemento rural, as políticas de cohesión e os fondos estruturais, ou ben outros programas máis concretos como LIFE+, ou o Fondo Europeo de pesca, que pode levar a incrementala eficiencia nos resultados.

Detrás desta necesidade de economizar recursos e dunha mellor implementación das políticas anteriormente adoptadas, así como da necesidade de xerar unha maior interdependencia das accións comunitarias, encóntrase o problema da financiación para o período 2007-2013, xa que debido á falla de entendemento entre os Estados membros, e o sempre insuficiente incremento de recursos para este período, converten a maior implicación dos estados membros nunha peza fundamental para levar adiante calquera iniciativa.

A administración comunitaria afirma que é posible alcanzalo obxectivo proposto para o 2010, se o diálogo entre os Estados Membros e a UE mellora. Pero non deixa de ser unha mera visión optimista da realidade. De momento, o Bureau Medioambiental Europeo (EEB) xa espetou o primeiro dos seus avisos, reclamando máis acción e menos análise. Por outro lado, Countdown 2010, unha organización comprometida coa biodiversidade, foi máis crítica, e censurou o feito de que a Comisión tardase cinco anos en facer este comunicado sobre a biodiversidade, un cambio de estratexia que máis vale tarde ca nunca. No entanto, o prazo de tres anos e medio, semella escaso. Un apuntamento que se encargou de matizar e afortalar Greenpeace, que ve esta iniciativa como insuficiente, pois a UE non monitoriza a perda de biodiversidade, e tampouco revisa as políticas “destrutivas”, como a pesca ilegal ou persistencia no uso das enerxías fósiles, entre outras prácticas non sostíbeis.

domingo, junho 04, 2006


BRÉTEMAS NO CANAL

Por José Ignacio Torreblanca

Deostar a Constitución Europea parece hoxe o politicamente correcto. Pero devandita Constitución foi preparada por unha Convención integrada por máis de cen representantes de gobernos e parlamentos nacionais de 25 países. Posteriormente foi negociada, acordada e asinada polos representantes de 25 gobernos democraticamente elixidos. A continuación, foi sancionada por máis de dous terzos dos representantes electos dos cidadáns no Parlamento Europeo. E a data de hoxe, o texto foi ratificado polos parlamentos e cidadáns de 15 Estados membros, sendo moi probable que o número de Estados que accedan a ratificar o texto en vía parlamentaria (acompañada ou non de referendo popular) termine por elevarse a catro quintos.
En térmos históricos, en lóxica democrática e, desde logo, tendo en conta o carácter necesariamente novidoso e experimental do proxecto de integración supranacional europeo, resulta difícil pensar en estándares de lexitimidade democrática máis esixentes.

O texto constitucional non é perfecto, nin tampouco aspira a selo. Unha orde de liberdade aberta como o que se aspira a construír en Europa só pode basearse en compromisos entre visións contrapostas. Ningunha Constitución resolve os problemas: só aspira a fixar os valores dunha colectividade, proporcionar unhas regras do xogo xustas, configurar unhas institucións e mecanismos eficaces e proporcionar uns principios xerais cos que resolver os conflitos que xurdan. Pero como todo coñecemento é continxente e incompleto e toda institución por natureza imperfecta, os erros abundan. No proceso constitucional europeo cometéronse moitos erros, é absurdo negalo. Estes deben ser examinados e as leccións que se extraian deles incorporadas. O dobre non á Constitución en Francia e en Holanda supuxo un golpe moi severo e debe obrigar á clase política europea a realizar unha reflexión profunda sobre como reconectar aos cidadáns co proceso de integración.

Con todo, as virtudes do tratado constitucional fanse particularmente evidentes cando se observa que a maioría dos remedios que se propoñen estes días (o presidente do Consello, o ministro de Exteriores, o papel dos Parlamentos nacionais, as políticas de inmigración, a loita contra o crime, a integración flexibel...) están xa incorporados na Constitución Europea. Mentres, moitas das tarefas que se esixen á Unión (como a creación de emprego, a política económica ou a política social) non están na Constitución ou o están pero de xeito incompleto porque algúns gobernos (o británico entre eles) ameazaron con vetar o proxecto se traspasaba o que enfaticamente denominaron "liñas vermellas". Ate tal punto influíron os británicos no Tratado, que presumían en público de que era un Tratado máis británico que francés. E, con todo, logo de negociar e asinado o texto, hoxe néganse a ratificalo co argumento de que é gravemente dañino para os cidadáns. O propio Jack Straw, ministro de Exteriores de Blair, defendeu "un si claro" á Constitución Europea con motivo da presentación á Cámara dos Comúns do proxecto de lei de ratificación de devandita Constitución, o 26 de xaneiro do ano pasado. En concreto, argumentou que "a Constitución Europea fixa e limita os poderes da UE facéndoa máis flexibel á vez que máis eficiente; outorga aos Gobernos nacionais maiores posibilidades de influír; redeseña e axiliza a Comisión Europea; facilita un maior control sobre o Parlamento Europeo por parte dos parlamentos nacionais e garante unha maior coherencia nas relacións da UE co mundo". Así de claro. No seu brillante discurso de Birmingham, en novembro de 2001, Blair parafraseou a famosa frase de Churchill a propósito da "traxedia de Europa" para referirse á "traxedia británica", que describiu como a incapacidade de entender que o interese nacional británico consistía en apostar decisivamente por Europa. Entón ironizou coa posición historicamente sostida polos británicos a respecto de a integración europea: "Primeiro dixemos que non ocorrería; logo que non funcionaría; para rematar, que non a necesitabamos". O Reino Unido non influíu no deseño da Comunidade Económica Europea, tampouco no da Unión Económica e Monetaria, pero si na Constitución Europea. Agora, o Reino Unido dálle a volta a súa posición e volve instalarse na contradición que sempre dominou a súa política europea: intentar liderar Europa desde fóra, sen comprometerse a fondo, sen participar nas súas políticas máis importantes e sen aceptar outra regra que non sexa a unanimidade.

Certamente, Europa carece agora de rumbo. O proxecto europeo é vítima da falta de liderado, o oportunismo máis ramplón e ate o cinismo máis descarado. Ese parece ser o verdadeiro signo dos tempos europeos. Mentres Blair dá a volta a todas as promesas que realizou de levar ao Reino Unido ao corazón de Europa, Chirac e a dereita francesa néganse a asumir responsabilidade algunha no fracaso constitucional e a esquerda do non confirma o que xa sabiamos: que carece de alternativa viábel algunha.

Os propoñentes do non prometeron aos cidadáns que traerían outra Europa: unha Europa social, verde e solidaria. Pola súa banda, os británicos prometen hoxe unha mini-Europa plena de empregos e políticas concretas. Pero diante de nós o que temos é unha Europa na que crece o nacionalismo económico, abunda a miopía política, esténdese o populismo xenófobo e proponse o rexeitamento a admitir novos membros.

Como é natural, todo o mundo ten dereito a expresar a súa opinión e a promover as súas ideas. O desexábel é que estas conduzan a un texto mellor (aínda que, nas actuais circunstancias, isto non parece nada probábel). En calquera caso, o que si parece exixíbel é que as alternativas, melloras ou substitucións que se presenten gocen, como mínimo, da mesma transparencia, niveis de apoio e grados de lexitimidade que os que recibiu ate agora a Constitución Europea. Neste momento non é o caso así que, mentres tanto, non se pode dicir que a Constitución estea morta.

EL PAÍS – 04.06.06