domingo, março 11, 2007


O ÁRABE, NOVA LINGUA DE EUROPA?
Por Josep Carles Laínez

Vaise converter o árabe nunha lingua da Unión Europea de facto? Esta é a pregunta clave –e terrorífica– que un se plantexa despois de que o secretario de Estado para a Unión Europea, o canario Alberto Navarro González, solicitara, xunto ás súas homólogas francesa e italiana, Catherine Colonna e Emma Bonino, a creación dunha emisión en árabe da canle Euronews, algo que, segundo declaracións recollidas pola axencia France-Press, e para máis pasmo, “España vén pedindo desde hai moito tempo”. Dito doutro xeito, parte dos impostos que pagamos (prevese investir 5 millóns de euros) se dedicaran a dar cobertura, prestixio e difusión a unha lingua, como mínimo, estranxeira; axudarase, por este medio, a crear unha fractura social entre os inmigrantes arabófonos e a sociedade europea de recepción na cal deberían integrarse (Navarro González se refire en concreto, como potenciais televidentes, “aos miles de musulmáns que residen en Europa”); e, tamén, servirá para crear precedentes perante eventuais intentos de oficialización do árabe como idioma de uso da UE. O problema de comezo foi contar, sob o paraugas do europeo, cun cerco non europea, a exipcia ERTU. Se Euronews se chamase “Meditnews”, o problema non existiría.
Unha solicitude así, diante da responsábel de Relacións Institucionais e Comunicación da Comisión Europea, fai xurdir de novo a dúbida de para quen pensan os políticos que gobernan. Iso, en primeiro lugar. Por que non deixan en mans de Arxelia, Exipto ou Tunisia (cuxas cadeas públicas de televisión son copropietarias de Euronews) unha petición que afecta a estes países de maneira máis directa? Un tamén se pregunta se non será este tipo de instancias, presentadas con toda a linguaxe babosa do "solidario" e o "multicultiralismo" o esporón de proa de futuras demandas –ou de feitos consumados– sobre cuxa oficialidade decatarémonos cando non haxa marcha atrás.
Antes que indignación, unha acción tan sumamente inconcibible de tres altos cargos (pagos por cidadáns de países onde o árabe non é oficial) suscita unha enorme tristura. Porque actúan contra os intereses de Europa e porque non se decataron, a estas alturas, de cal é o argumento da película. Nin coñecen a historia nin lles importa. Contribúen así a que se estenda, entre os medios de comunicación e a clase política de despacho alfombrado, unha eurofobia introxectada baixo a condición de sobreestima do diferente en detrimento do propio.
A seguinte cuestión é de onde van saír os profesionais dese presumible canle en árabe de Euronews. Se saen de Europa, por que vai ter, nun ente público, máis dereitos un falante dunha lingua allea á UE que un usuario dunha oficial ou minoritaria dun estado Membro? Agardo que Polonia ou Romanía estean xa imprimindo as protestas diante dunha desconsideración para os seus millóns de cidadáns. Ou que Galiza e Portugal se unan na demanda do uso da súa lingua (unha das cinco principais do mundo, e a segunda románica). Se, polo contrario, os xornalistas non proveñen de Europa, senón de países árabes, como vai afectar isto á política de inmigración e aos permisos de traballo? Ou, doutra banda, cal vai ser o criterio da selección informativa?; sen ir máis lonxe, como se tratará o conflito que vive Israel?
As formas se perderon e resulta lamentable que nin sequera os diplomáticos as manteñan. Non creo que a principal función de Alberto Navarro sexa cobrar un salario público para intentar que o árabe se converta nunha lingua na cal os europeos gastemos millóns de euros. Impórtalle tanto a un magrebí a política dos nosos Estados para ter que pagarlle unha tradución de canto aquí decidimos? Evidentemente non. Pero tal vez aos políticos si lles interesa mostrar que a UE está aberta á súa disolución. Tras Turquía, tal vez Marrocos poida entrar (afirmábao hai anos o ex presidente español, Felipe González), ou, por que non (o defendeu algún candidato socialista francés recentemente), o Magreb enteiro. Contarán coa vantaxe dunha televisión. E ao mellor a Alberto Navarro fanlle un monumento simbólico. Como a Don Julián.

2 comentários:

Se Moncho disse...

Quem receba televisom via satélite, a forma mais fácil de receber Euronews, sabe que na Europa podem-se sintonizar multitude de televisões em árabe. Portanto umha cadeia mais a emitir em árabe nom vai variar muito o panorama.

O que eu suponho estar por trás desta proposta nom é tanto os arabófonos que moram na Europa, quanto os que moram no meio oriente. E nom vejo que isto represente um perigo para a Europa.

Se Moncho disse...

Por certo, a pesar do que dá a entender o autor, o português é umha das línguas nas que emite Euronews. Eu vejo-a diariamente, em galego do sul, e recomendo-a mui vivamente.