segunda-feira, fevereiro 07, 2005


COMPROMETERSE COA REALIDADE
Por Antoni Gutierrez

Membro da Executiva de Iniciativa per Catalunya-Vers
Foi membro fundador do PSUC.

Na edición de EL PAÍS do pasado 28 de decembro, Vicenç Fisas publicaba, co título “Rescatar a paz desde as cinzas”, un interesante artigo no que facia un repaso sobre os conflitos armados que inzan o mundo. Un repaso ao que engadia, como un dato relativamente positivo, que a finais deste ano se podian atopar un mínimo de 18 procesos de paz abertos no mundo, en comparación cos 12 que existian a finais do ano pasado. E, sen cair en falsos optimismos, lembrabanos, ao mesmo tempo, que os seis novos procesos, aínda estando ameazados de perigos e repletos de debilidades, todos eran froito da suma dos esforzos de diferentes sectores e que rescataran a paz desde a cinza acumulada pola dureza e a destrucción dos conflitos.
O artigo comezaba formulando unha serie de preguntas, entre as que reproduzo a que di: “Cais son os tempos que hai que considerar e tolerar cando hai enfrontamentos entre institucións e grupos que ollan ao futuro e entenden o presente de maneira tan diferente?”. E Fisas acaba a súa
interesante reflexión lembrandonos que “desde a humildade da política posíbel, o mundo deberia estar moito máis presente e cercano a estes intentos de sair da espiral da guerra, colaborando para que das cinzas recollidas se ergan sólidos muros para edificar proxectos de paz”.
Desde unha plena concordancia con todo o artigo de Vicenç Fisas, debo pedirlle desculpas pola utilización que vou facer dunha parte da súa reflexión, que non estaba no seu artigo, e que a pesar desta advertencia el pode considerar instrumental. Confesoo honestamente: a súa lectura, quizais influída polo contexto que ocupa nestes momentos un dos meus espazos de
reflexión, fixome pensar no proceso de construcción da Unión Europea. Un proceso xurdido hai 50 anos das cinzas da segunda guerra mundial e ao que máis tarde se sumaron os cascallos da guerra fria.

É certo que o proceso europeo e a proposta de Constitución poden ser valorados desde diversos puntos de vista. Pero os que consideramos que a actitude responsábel é pronunciarse en favor do SI, e facémolo con respecto cara as posicións que defenden un NON contundente, entendemos que están ignorando as diferenzas en conflito no mundo real e infravalorando a correlación de forzas que existe hoxe no escenario político. Entendemos, tamén, que optan por un testemuñalismo que confunde a inflexibilidade estéril coa necesaria coherencia ideolóxica, unha coherencia que é capaz de rescatar, “desde a humildade da política posíbel”, todas as cinzas e os cascallos para avanzar na construcción dunha Unión Europea. Fronte á onda asoballadora do neoconservadurismo da administración Bush, a construcción europea consagra coa Constitución os dereitos sociais, é nos 54 artigos da segunda parte que confire valor xurídico á Carta dos
Dereitos Fundamentais; condiciona calquera intervención militar ao impulso de misións de paz e, respectando os compromisos existentes dos Estados que forman parte da OTAN, une calquera participación activa ligada a este Tratado ao respecto previo da Carta das Nacións Unidas. Por certo, que non podo silenciar a contradicción en que caen algunhas forzas políticas que
argumentan este tipo de relación coa OTAN para pedir o NON á Constitución Europea e que, sen embargo, acaban de votar favorabelmente uns orzamentos xerais do Estado que acrecentan nun 4´6% a dotación dun Exército español que é parte deste organismo. Tampouco me parece demasiado coherente recomendar o NON negando o notabel aumento de poderes do
Parlamento Europeo, ou as vias que fican abertas á participación das rexións con poderes lexislativos ou a un posíbel recoñecemento do catalán, a constitucionalización da economia social de mercado e o desenvolvemento sustentábel. Pero quizais dúas das maneiras que mais difícil fan xustificar o NON son os avances na democracia participativa e o dereito á iniciativa popular, que ofrecen novos instrumentos de acción cidadán para seguir avanzando

O proceso de construcción europea non pode ser lido con ollos “provincianos”, se non se quere perxudicar os própios intereses da “província”. É certo que fica ainda moito camiño por percorrer e que é necesário camiñalo non só sumando todos os esforzos políticos e institucionais se non coa comprensión e o compromiso de todos os cidadáns. Por iso, quizais o pior que se pode facer, ainda que sexa desde a boa fé, é tentar substituir os necesários pasos adiante pola ilusión estéril de dar saltos no baleiro, contribuindo, na prática, a xerar desinterése e distanciamento nos principais protagonistas da Constitución Europea, os cidadáns. Desgrazadamente, todas as enquisas cadran en dicir que ao redor do 90% dos consultados ignoran os contidos básicos da Constitución, ainda que a disposición a votala positivamente é amplamente favorábel, disposición que en moitos casos só conta como instrumento cunha intuición, froito dunha sólida convición europeista, feito que mesmo leva a veces a pronunciarse polo SI pese a que o partido político ao que viñeron dando o seu voto recomenda o NON. Esta sábia intuición non deixa de ser un feito positivo, pero hai que complementarla cun traballo responsábel de información, que obrigadamente en Catalunya deben encabezar, en primeiro lugar, as nosas instituizóns, o Parlament, o goberno da Generalitat e os concellos. O feito de que nestas instituizóns haxa posicións contradictorias non xustifica o seu siléncio. Deben asumir a súa responsabilidade de informar aos cidadáns, de xeito comprensibel, sobre os contidos fundamentais da Constitución, engadindo ao texto completo o pronunciamento público das organizacións sociais como son os sindicatos, o Consell Català do Moviment Europeu e a posición do Parlamento Europeo, entre outras En calquera caso, é fundamental que ninguén ignore que o 20 de febreiro estamos chamados a pronunciarnos sobre un acontecimento histórico, diante do cal a desinformación, o desintererese ou a descalificación sen alternativa suporian minimizar a nosa responsabilidade como cidadáns europeos.

Antoni Gutiérrez i Díaz

sexta-feira, fevereiro 04, 2005



DEZ RAZÓNS PARA VOTAR SI Á CONSTITUCIÓN EUROPEA.
Por Pedro Gómez-Valadés


1.- Foi aprobado por vintecinco xefes de estado da Unión Europea, e supón un paso cara adiante na construción política de Europa. Coa futura Constitución a Unión reforza a súa lexitimidade democrática. O Tratado outorga por fin personalidade xurídica á Unión Europea e, en consecuencia, tamén neste sentido amplía a súa dimensión política no mundo. O cal ten que ter como consecuencia un avance claro no camiño do multilateralismo e que representará un maior equilibrio internacional e un contrapeso da asfixiante hexemonía norteamericana.

2.- Como Tratado constitucional significa un paso histórico na construción política europea tras os tratados de Roma, da Acta Única Europea, de Maastricht, e de Niza. A non aprobación da Constitución europea suporía un paso atrás de consecuencias imprevisíbeis. De entrada, a Unión seguiría sometida ao Tratado de Niza, tratado que no seu día foi amplamente criticado desde a esquerda europea. E paréceme claro que unha nova negociación entre os vintecinco estados da Unión, se produciría mais en clave nacional que europea, producindo un resultado previsibelmente inferior ao produto dos debates da Convención europea por moitas carencias que esta tivera.

3.- A U.E. gaña en lexitimidade democrática xa refórzanse os poderes do Parlamento Europeo, convertendo a codecisión Consello-Parlamento na regra habitual, á vez que reduce a unanimidade á excepción á regra Teñamos tamén en conta que a UE reforza os órganos máis xenuinamente europeos, como son a Comisión e o Parlamento, fronte ao Consello de Ministro que non deixa de ser a representación dos estados.

4.- Dáse valor xurídico vinculante á Carta de dereitos fundamentais, o cal representa sen dúbida unha mellora na protección dos dereitos fundamentais dentro da UE. Amplíanse as competencias europeas e con estas o poder de codecisión do Parlamento Europeo. Se progresa, especialmente, nas áreas de liberdades públicas, seguridade e xustiza.

5.- Tal e como afirma a resolución aprobada pola Confederación Europea de Sindicatos a futura Constitución, a pesar das súas carencias, a pesar de non avanzar sen dúbida todo o desexábel, recoñece dereitos de carácter social que en algúns estados membros non tiñan un tratamento claro e que supoñen unha substancial mellora na protección dos dereitos laborais das traballadoras e traballadores europeos..

6.- En relación ao contido cultural establécese máis un papel de coordinación que unha verdadeira política cultural europea. A Unión só ten por obxectivo fomentar a cooperación entre os Estados e, se é preciso, apoiar e complementar a acción destes no ámbito cultural. Isto resulta positivo cando se ten, como é o caso galego, competencias exclusivas derivadas do Estatuto de autonomía de Galiza.

7.- A UE gaña en capacidade de influencia no mundo. Non só crea a figura do Ministro de Asuntos Exteriores, tamén se crea un Servizo exterior e se reforza de maneira substancial as posibilidades da Política exterior e de seguridade. A nivel económico se establece a figura de Mister-Euro, figura que, actuará de feito como un ministro de economía europeo, e que representará a Unión perante instancias como o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional ou o G-7 .

8.- A responsabilidade sobre o recoñecemento oficial do galego, contrariamente ao que se afirma desde algúns sectores, recae na lexislación española e na vontade do goberno español. Ao respecto a Constitución europea limítase a recoñecer como linguas oficiais da Unión aquelas que sexan oficiais nos estados membros. Xa que logo, o recoñecemento ou non do galego depende non da futura Constitución europea senón da Constitución española e da súa desexábel reforma. O día que o galego, o catalán e o vasco sexan recoñecidos como linguas españolas, isto é, como linguas oficiais do estado español, ao día seguinte en Bruxelas porán tradutores de galego, de vasco e de catalán.

9.- O Tratado outórganos, como nación, unha serie de dereitos, ao incorporar na Carta dos dereitos fundamentais o recoñecemento á diversidade de culturas e linguas de Europa. Afirmase que a Unión respectará a súa diversidade lingüística e cultural e velará pola súa conservación e o desenvolvemento como patrimonio cultural común europeo.

10.- Algunhas das principais aspiracións do nacionalismo galego como son a participación directa da Xunta nos órganos da Unión, capacidade para dirixirse directamente ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea ou que Galiza sexa circunscrición electoral europea, dependen da normativa española e nada teñen que ver coa futura Constitución europea.

Pedro Gómez-Valadés