terça-feira, maio 27, 2008


Repensar Europa

Por Joaquín Estefanía

Di Le Monde que Nicolas Sarkozy promove a candidatura de Felipe González para presidente da Unión Europea (UE), e pódese engadir que José Luis Rodríguez Zapatero apoia a idea. Pola contra, a sensación é que o ex presidente de Goberno español está esperando o mellor momento para anunciar a súa "non candidatura" a ese posto e despexar as especulacións. Mentres os fíos se tecen, González traballa como presidente do grupo de reflexión sobre o futuro de Europa, creado polo Consello Europeo na súa reunión do pasado decembro. Ademais de González, que foi nomeado por unanimidade, hai dous vicepresidentes: a ex xefe de Estado de Letonia, Vaira Vike-Freiberga, e o ex presidente da multinacional finlandesa Nokia, Jorma Olilla. O resto do grupo, ate 9 ou 10 membros, formarase con científicos, tecnólogos, economistas, expertos en inmigración ou enerxía, etcétera. Nos meses transcorridos deuse unha especial resonancia, pola forma de traballar e os obxectivos que se propoñen, entre o político González e o empresario Olilla, que xa se reuniron en varias ocasións. Dentro duns días, González trasladará o seu despacho principal á sede do madrileño palacio de Viana, propiedade do Ministerio de Asuntos Exteriores, onde exercerá as dúas actividades que ten encomendadas: a presidencia do grupo de reflexión europeo e a de embaixador plenipotenciario para os bicentenarios de América Latina. Para a primeira contará coa axuda do ate agora embaixador de España en Washington, Carlos Westendorp, xa xubilado, moi bo coñecedor da Unión Europea. Na segunda tiña como apoio a outro embaixador, Pipo Dicenta, pero ven de deixar a súa función para incorporarse á Unión Latina. Ate onde se coñece, o grupo de reflexión da UE armará o seu prognóstico (que ten que entregar en xuño de 2010, coincidindo coa presidencia española) en torno a cinco eixes.

O primeiro, a Axenda de Lisboa, que trata de facer de Europa a zona máis competitiva do planeta: por que, con algunhas excepcións, Europa non avanza máis na sociedade do coñecemento e no investimento en capital tecnolóxico.

O segundo, o modelo enerxético e o cambio climático: só cos compromisos que Europa adquiriu no que se refire á redución de gases de efecto invernadoiro, requiriríase unha revolución enerxética da que non hai nin rastro; ademais, están os problemas xeoestratéxicos de abastecemento nunha rexión moi deficitaria en enerxía.

En terceiro lugar, unha reflexión sobre o modelo social, sinal de identidade europea: como financialo nunha conxuntura demográfica desfavorable e con déficit de competitividade en relación a outros conxuntos rexionais.

Cuarto, a política migratoria europea nun momento no que se empeza a manifestar o embrión dun modelo alternativo, restritivo, ao que se utilizou ate agora consistente na recepción e integración dos inmigrantes, poñendo a énfase nos beneficios da súa chegada, non nas dificultades de seu acomodo.

Por último, a determinación dunha política exterior e de seguridade común, cando o planeta se enfronta a problemas vinculados non só ao terrorismo internacional senón a redes mafiosas e criminais moi potentes, que non teñen fronteiras e cuxa actividade ocupa porcentaxes crecentes da actividade económica. A estes puntos, que tratarán de compoñer un discurso estratéxico sobre un proxecto común (non un estudo teórico de miles de páxinas), poderíanselles unir algunhas das obsesións europeístas de Felipe González, polas que seguramente foi escollido polos xefes de Estado e de Goberno dos vinte e Sete. Por exemplo, as fronteiras da UE e o caso de Turquía. O español sempre creu, máis alá das declaracións duns e outros, que pasará moito tempo antes de que Turquía sexa un membro máis da Unión. Polo tanto, deberá de encontrarse unha folla de ruta que teña en conta este feito. Turquía debería aproveitar a mala conciencia europea para lograr un acordo especial coa UE o máis amplo posible; por exemplo, usar o euro como moeda aínda que non teña liberdade de movemento de persoas. Cando os europeos estean acostumados a compartir experiencias cos turcos, haberá outro ambiente psicolóxico e poderanse abordar novas cotas de participación conxunta.

El País 26.05.08

Sem comentários: