terça-feira, dezembro 04, 2007


A FE E O DIÁLOGO
Por Josep Carles Laínez

A humanidade podería aplicar unha longa serie de medidas na procura da paz, o diálogo e o mutuo entendemento: o regreso do Dalai Lama ao Tíbet e, ao menos, unha forte autonomía deste país dentro de China; a apertura das cidades de Medina e A Meca a visitantes de calquera confesión relixiosa; a reconstrucción do Templo de Xerusalén e a súa cesión definitiva ao pobo xudeu; a abolición da poligamia e a escravitude nas sociedades onde aínda é a norma de costume; a recuperación por parte da Unión Europea das antigas cidades romanas do norte da África coma territorio propio extracontinental... Estas disposicións son un exemplo das liñas por onde se podería comezar a manter diálogos enriquecedores. Por suposto, búscase nelas o respecto, o ben común, e a xustiza e memoria históricas. Afectan, ademais, a relixións e culturas diferentes, motivo polo cal deben ceder todas en favor dunha efectiva alianza de civilizacións e dun coñecemento recíproco. Sen embargo, non serían acolleitas con moita estima polos sectores sociais que, en cambio, apostan e defenden, entre outras cousas, a adecuación das normativas laborais segundo a relixión profesada (o sindicato USO denunciou que os empresarios non permitan aos traballadores islámicos facer tandas distintas durante o ramadán); a esixencia de compra –e a compra efectiva– por parte de bibliotecas públicas, de libros en linguas non oficiais; un menú especial nos comedores escolares segundo a relixión familiar dos nenos; ou a xa acalada “doazón” da catedral de Córdoba (antiga mesquita e, segundo os popes dos conversos, templo ariano) ao culto musulmán. As miñas respectuosas propostas consideraríanse unha inxerencia estranxeira, puro e duro neocolonialismo ou imperialismo tout court. Ocórreseme unha posíbel resposta ao porqué de tal reacción: Europa non debería de ceder en ningunha delas. Tanto ten que, da maioría, non resultara beneficiada; o importante é que aquelas culturas ou réximes políticos con apoio mediático desexarían aparecer en calidade de ultraxados e quererían facénolo pagar coma novo agravio. Resulta incríbel que, en Estados onde se defende por riba de todo o mercado libre, non se busquen contrapartidas ás peregrinas e “benaventuradas” suxestións das nosas ONGs, organismos oficiais cheos de complexos ou demais progresistas de salón. Abrir a sé cordobesa á “interrelixión”, discriminar aos alumnos sen un lobby de presión detrás (penso, por exemplo, en fillos de parellas vexetarianas ou naturistas, hipotéticos solicitantes dun menú sen carne nin peixe, ou dun único vestiario para os dous sexos) ou investir diñeiro no que rompe a cohesión social (potenciar linguas non autóctonas) son formas que ten un goberno –ou unha ideoloxía traizoeira– de fracasar, en beneficio dunha idea falaz (o multiculturalismo) e dunha trampa para Europa (a convivencia fóra das pautas democráticas e constitucionais). Quizais non se ve, nestas solicitudes, o descomunal desprezo que subxace á maioría dos nosos antepasados, e aos países de liberdade que construíron e nos deixaron en herdanza. Alén destas cuestións estritamente políticas, non se debe escaecer (deberíase lembrar sempre…) que as bases da cultura europea son o legado grecorromano e as Ilesias cristiás (co seu ineluctable fundamento hebreu). Na síntese destas dúas formas de contemplar o mundo, Europa medrou e se estendeu máis alá dos seus primeiros límites xeográficos. Interromper ou pervertir esta fusión non nos fará máis tolerantes, só amosará a nosa debilidade ante unha nova incultura.

Sem comentários: