quinta-feira, outubro 04, 2007


Xa é a hora dunha política exterior europea


Por Martti Ahtisaari, Joschka Fischer, Mabel van Oranje e Mark Leonard. Ahtisaari, Fischer e Van Oranje son copresidentes do European Council for Foreign Relations, un laboratorio de ideas recén constituído para fomentar a creación dunha política exterior común da UE. Leonard é director executivo do ECFR.

Se a última hora non se cambia de idea, os xefes de Estado e de Goberno europeos asinarán este mes un novo acordo para fortalecer a maquinaria da política exterior da Unión Europea, dando máis competencias ao Alto Representante da UE nesa materia. Isto supón un troco longo tempo esperado. Na actualidade, o orzamento do Alto Representante é menor que o que destina a Comisión Europea á limpeza das oficinas de Bruxelas. Con só 500 empregados e unicamente un feixe de representantes no exterior, un aparello que pretende encarnar a vontade colectiva dos 27 Gobernos da Unión Europea en materia de política exterior gasta menos e ten menos persoal que os países africanos máis pequenos. É algo que debería cambiar cando se nomee a un novo xefe para a política exterior da UE, alguén que supervise as súas relacións exteriores así como as súas políticas de defensa e de axuda fóra da Unión. Sen embargo, esta necesaria innovación institucional non responderá a unha pregunta máis fundamental: estase tomando Europa en serio a consecución dunha política exterior coherente e enérxica?

Con demasiada frecuencia os líderes europeos esquivan esta cuestión, comentando como sempre os defectos da política exterior estadounidense, cando deberían estar desenvolvendo as súas propias estratexias. Unha e outra vez -en problemas que van desde Iraq a Israel e Palestina, pasando por Afganistán-, a política europea definiuse unicamente en función do que fai ou deixa de facer Estados Unidos. Sen embargo, o ano próximo, EE UU elixe a un novo presidente e os europeos xa non poderán permitirse o luxo de botar a culpa dos males do mundo á Casa Branca de George W. Bush. Isto é positivo, porque Europa ten moito que ofrecer. A diferenza de outras grandes potencias da historia, o seu poder non se proxecta mediante a ameaza de invadir outros países. Con 500 millóns de habitantes, a súa poboación é a terceira en número do mundo, despois das de China e a India. Os seus 27 Estados membros xeran un cuarto da produción económica mundial e, en conxunto, son o comprador máis importante de produtos dos países en vías de desenvolvemento e, con moito, o principal doador de axuda. Todo isto vai acompañado dun auténtico peso xeopolítico. A ampliación da Unión para Europa Oriental foi o maior proceso de troco de réxime pacífico rexistrado na historia. A creación da Corte Penal Internacional e a sinatura do Protocolo de Kioto demostraron que Europa podía impulsar a creación dunha gobernanza máis multilateral. A participación europea tivo un impacto real no proceso de paz da provincia indonesia de Aceh e nas recentes eleccións presidenciais celebradas na república Democrática do Congo.

Sen embargo, é moi habitual cá introversión e a división haxan despilfarrado o poder latente de Europa. Incluso en relación co programa nuclear iraniano, unha satisfactoria traxectoria viuse castrada pola incapacidade que mostrou unha Europa dividida para apoiar á súa diplomacia con sancións implacables. Se os europeos non están dispostos a pagar un prezo económico, pouca credibilidade terán para persuadir a Estados Unidos de que non recorra aos ataques militares. Fronte a Rusia, a UE subestimou constantemente a súa propia forza, esaxerando a do Kremlin de Vladimir Putin e permitindo a ese país que se faga cada vez máis belicoso. Algúns Estados membros ven en Rusia unha ameaza que hai que “conter con suavidade”. Outros son partidarios de impulsar un proceso de “integración sixilosa” que vincule ese país cos costumes europeas. Esta confusión permítelle a Rusia centrarse en determinados países membros, asinando pactos enerxéticos a longo prazo, sen deixar de socavar á UE nun desconcertante abano de aspectos que abarcan a partir do futuro de Kosovo ate a proliferación nuclear.

Aos líderes europeos gústalles falar de “multilateralismo eficaz”, pero non son moi eficaces cando se trata de defender os seus valores ou intereses en institucións multilaterais como Nacións Unidas. En problemas como os de Kosovo, Darfur e Irán, se os países europeos non se unen e non se manteñen firmes, corren o risco de que outros máis hábiles nos adianten, cando son eles os que deberían estar encabezando a carreira. Despois de todo, a Unión conta con cinco postos no Consello de Seguridade e sufraga o 40% do orzamento da ONU. Sen embargo, cando se trata de votar cuestións relativas aos dereitos humanos, demasiados países en vías de desenvolvemento esquecen iso, aliñándose con China para opoñerse á UE.

Aínda que os principais defectos da UE son estratéxicos, a influencia europea no mundo choca con algunhas barreiras institucionais. As prioridades en materia de defensa seguen sendo de índole abrumadoramente nacional, e teñen a vista posta máis nos seus proxectos preferidos que en fomentar o poder europeu. Como lle gusta dicir a Chris Patten, saberemos se Europa se toma en serio a defensa cando non teñamos que alugar avións de transporte a Ucraína. Ao contrario que no caso do errado proxecto de aprobación dunha Constitución europea, os líderes da UE non poden achacar a súa falta de cooperación en materia de política exterior á hostilidade da opinión pública. Segundo unha enquisa recente do German Marshall Fund, o 88% dos enquisados europeos quere que a UE asuma máis responsabilidades á hora de se afrontar a ameazas mundiais. Diante da perspectiva de acadar un acordo sobre o funcionamento dunha nova política exterior, xa vai sendo hora de que a Unión forxe dita política común e utilice todos os resortes do poder europeu para loitar polos seus valores e intereses no mundo.

Sem comentários: