terça-feira, julho 10, 2007


Bush nas dúas Europas

Por Xulio Rios (Director do IGADI)

A visita que George Bush realizou recentemente ao continente europeo, evidenciou con nitidez a existencia de varias Europas. Mentres no Occidente, as reticencias dalgúns líderes, mobilizacións e acedas críticas cidadáns acompañaron a súa comitiva, no Leste predominou o aplauso dos gobernantes e o baño de multitudes, especialmente en Albania, país que probablemente ingresará na OTAN en 2008, onde abandonou o cinismo habitual do ton diplomático para anunciar o inminente recoñecemento da independencia de Cosova, pese a quen pese, cuestión esta que, no fondo e na forma, tamén divide aos países da UE.

Nunha máis que evidente demostración de cales son os seus intereses e prioridades estratéxicas, Bush pasou con pes de la sobre a proposta alemá para combater o quecemento do planeta (que “tomou en seria consideración”), mentres multiplicou os seus xestos de apoio aos PECO (países de Europa Central e Oriental), que aplauden a súa iniciativa de instalar o escudo antimísiles que tanto irrita a Moscova.

O anuncio respecto a Cosova significa tamén que a intención de EEUU é ignorar a proposta de Putin e seguir adiante co despregamento do sistema antimísil en Europa coa escusa de protexerse e protexernos dos hipotéticos ataques procedentes de Corea do Norte ou Irán. O Kremlin considera que o obxectivo real é vixiar e interceptar os mísiles intercontinentais en todo o territorio ruso. O martes 12, ao día seguinte da finalización desta xira, o primeiro ministro polaco, Jaroslav Kaczynski, expresaba en Radio One o seu pleno convencemento de que Varsovia e Washington chegarían a un acordo sobre a instalación de partes do escudo antimísiles no seu país. Kaczynski afirmouse sorprendido pola proposta de Putin de instalar o sistema nunha base rusa de Acerbaixán en lugar de en Europa Central. O aliado polaco, que está a partir un piñón con Bush, tamén anunciou o probable veto de Varsovia ao borrador da constitución da UE, que se discutirá na capital belga entre hoxe e mañá. Ese entendemento con Washington e o desentendemento con Bruxelas son as dúas caras dunha mesma moeda.

A viaxe de Bush por Europa demostrou ás claras que EEUU vai seguir pisando o acelerador para facerse co control do espazo estratéxico de Rusia co claro propósito de fortalecer a súa posición hexemónica a nivel internacional. Nese camiño, hai unha Europa que prefire ter a capital en Washington, países convencidos de que é na outra beira do Atlántico onde se salvagarda mellor o seu presente e o seu futuro, no mundo e no continente. O propio Bush prometeu a Belgrado apoiar o seu ingreso na UE se facilita a independencia de Cosova. Toda unha instrución para os negociadores da UE que o día 13 retomaban as conversas con Serbia, suspendidas en maio do ano pasado, a propósito da sinatura dun “Acordo de estabilidade e enlace” entre ambas partes. Paradoxalmente, Cosova pode acabar sendo a táboa de salvación de Mladic e Karadzic, cuxa entrega era, ata hai pouco, condición sine qua non para validar o citado documento.
Publicado na web do IGADI

1 comentário:

Rodrigo disse...

Oi, achei teu blog pelo google tá bem interessante gostei desse post. Quando der dá uma passada pelo meu blog, é sobre camisetas personalizadas, mostra passo a passo como criar uma camiseta personalizada bem maneira. Se você quiser linkar meu blog no seu eu ficaria agradecido, até mais e sucesso. (If you speak English can see the version in English of the Camiseta Personalizada. If he will be possible add my blog in your blogroll I thankful, bye friend).