sexta-feira, junho 09, 2006



A UE RELANZA A DEFENSA DA BIODIVERSIDADE
Por Xosé Manuel Figueiras

Seguindo o mesmo camiño dos plans cadro plurianuais xa existentes en investigación, ou cunha estratexia similar ós obxectivos fixados en Lisboa, a administración comunitaria dirixe agora as súas miradas a clarificalas responsabilidades das institucións estatais e europeas, á hora de freala extinción das especies vexetais e animais e protexela biodiversidade no continente. Ata o momento, catro iniciativas sobre a biodiversidade foron adoptadas dende o 2001 baixo o paraugas da chamada Estratexia Europea da Biodiversidade, que fora acordada con anterioridade en 1998. Os catro plans concirnen á conservación dos recursos naturais, á agricultura, á pesca, e á cooperación económica para o desenvolvemento fora das fronteiras comunitarias.

Os catro plans son o impulso xerado pola daquela Unión dos 15 estados membros que máis tarde se viu ampliada, e que na reunión de Goteburgo 2001, acordaron frear a perda de biodiversidade na UE de cara ó 2010 e restaurar dentro do posible os hábitats e ecosistemas naturais. En 2002, uníronse estes esforzos ós de 130 lideres mundiais que se emprazaban para atallar o nivel de perda de biodiversidade global tamén ate o 2010.

Dende aquela, poucas achegas efectivas son dignas de ser destacadas. No entanto, o 22 de maio, a Comisión Europea desvelou un novo plan de acción en biodiversidade, o quinto dende o 2001, que á diferenza dos anteriores, non chega repleto de novas e ambiciosas leis da protección das aves migratorias e dos hábitats naturais. Desta vez, cun afán práctico, a Comisión, trata de aclaralas responsabilidades á hora de implementar calquera lexislación xa existente, e pretende ser capaz de implicar ós actores necesarios, amais de conxuntar recursos suficientes para garantilo éxito das propostas comunitarias.

No tocante á biodiversidade, a EU pretende acadar un maior compromiso e entendemento cos Estados membros, para protexer os espazos da rede Natura 2000, cunha maior complicidade entre os gobernos locais e estatais, e cun maior aproveitamento dos recursos asignados á política agraria e pesqueira. Por outro lado, a nivel global, búscase fortalecela coherencia e as sinerxías entre o comercio e o desenvolvemento, promovendo a Convención de Nacións Unidas sobre a Biodiversidade, así como outros acordos encamiñados á protección contra a deforestación tropical. Con respecto ó cambio climático, facendo referencia ás metas de Kyoto e ós ambiciosos compromisos sobre emisións para máis aló do 2012. Afírmase unha vez máis a insistencia nas enerxías renovables que limiten a incidencia do quecemento global. Todo isto, complementado pola insistencia en fortalecer Europa como área de investigación na súa vertente internacional, promovendo as infraestruturas, a conexión entre a ciencia e as políticas activas, e o fomento do intercambio de datos e a mellora dos resultados finais.

O primeiro aspecto chamativo da nova liña de actuación é que por primeira vez se recoñece a ineficacia das actuacións previas. O feito de que se realice un exame de conciencia sobre as políticas que non aportaron os resultados agardados, é un avance de cara á remodelación das iniciativas emprendidas para acadalos obxectivos de 2010.

Pero amais diso, afóndase nunha serie de accións, como a rede natura 2000, unha rede europea de protección das reservas naturais comunitarias, que acadan ata o 18% do territorio dos 15, e que agora se amplía ós 10 novos membros, así como a maior implicación da política común de pesca, ou da política agraria común, que consagrarán maiores recursos e deben ter en conta a incidencia na vida salvaxe, facendo un maior fincapé na investigación sobre biodiversidade. O descenso nas capturas pesqueiras, os danos nos campos e no chan de cultivo, e a desaparición paulatina da vida salvaxe, fixeron saltala voz de alarma amplamente difundida a través das ONG de protección do medio ambiente, que están presentes no proceso de diálogo e adopción das iniciativas comunitarias.

Para remediar esta situación, a Comisión propón por tanto unha maior transversalidade e cooperación, entre as distintas políticas primarias tanto produtivas como extractivas, coa intención de que unha maior adaptación interdependencia entre elas conduza a unha economía de recursos necesaria. Polo tanto, no aspecto financeiro, a Comisión afirmase nunha maior practicidade no uso das axudas existentes unha maior interdependencia en programas como os de desenvolvemento rural, as políticas de cohesión e os fondos estruturais, ou ben outros programas máis concretos como LIFE+, ou o Fondo Europeo de pesca, que pode levar a incrementala eficiencia nos resultados.

Detrás desta necesidade de economizar recursos e dunha mellor implementación das políticas anteriormente adoptadas, así como da necesidade de xerar unha maior interdependencia das accións comunitarias, encóntrase o problema da financiación para o período 2007-2013, xa que debido á falla de entendemento entre os Estados membros, e o sempre insuficiente incremento de recursos para este período, converten a maior implicación dos estados membros nunha peza fundamental para levar adiante calquera iniciativa.

A administración comunitaria afirma que é posible alcanzalo obxectivo proposto para o 2010, se o diálogo entre os Estados Membros e a UE mellora. Pero non deixa de ser unha mera visión optimista da realidade. De momento, o Bureau Medioambiental Europeo (EEB) xa espetou o primeiro dos seus avisos, reclamando máis acción e menos análise. Por outro lado, Countdown 2010, unha organización comprometida coa biodiversidade, foi máis crítica, e censurou o feito de que a Comisión tardase cinco anos en facer este comunicado sobre a biodiversidade, un cambio de estratexia que máis vale tarde ca nunca. No entanto, o prazo de tres anos e medio, semella escaso. Un apuntamento que se encargou de matizar e afortalar Greenpeace, que ve esta iniciativa como insuficiente, pois a UE non monitoriza a perda de biodiversidade, e tampouco revisa as políticas “destrutivas”, como a pesca ilegal ou persistencia no uso das enerxías fósiles, entre outras prácticas non sostíbeis.

1 comentário:

Matilde CV disse...

k idade tens?