quinta-feira, junho 09, 2005


EUROPA, SEN PRÉSAS, PERO CON PAUSAS.
Por Pedro Gómez-Valadés

Ninguén dixo nunca que o proceso de construción europea fora doado. Superar séculos de enfrontamentos habitualmente resoltos pola vía militar non son precisamente os mellores alicerces sobre os que construír. Ou quizais si. A unidade política de Europa é un camiño sen retorno, nos albores deste terceiro milenio, debúxanse moi claros os espazos xeopolíticos sobre os que vai pivotar a política mundial cando menos no presente século. Estados Unidos coa suma interesada mais a efectos económicos de enormes proporcións de Canada e México. (Efectivamente os tres xogadores non van xogar no mesmo lugar do campo mais si no mesmo equipo). China, sempre China. A China na que todas as súas cifras son astronómicas, China co seu disciplinado mercado de traballo e o seu perfeccionado aparello político-militar represivo ao servizo dunha expansión económica da que só encetamos a ver seu comezo. India, país que de vagar, pola porta de atrás entrou xa en todas as quinielas das potencias do século e, a Unión Europea.

É evidente que os golpes que a Constitución europea ven de sufrir, contundentes, por parte da cidadanía francesa e holandesa obrigan a facer uso daquela máxima do sempre sabio Antón Reixa que dicía algo así como: “Estamos en guerra, temos que reflexionar”. Claro que o acontecido non é un conflito bélico, mais o tremor que desde hai dúas semanas sacude os campos de Europa ben merece unha reflexión como a que Reixa pedía para situacións de forza maior. Na miña opinión na situación actual hai xa algunhas cousas bastante claras.

Ao meu ver, esta claro que o non maioritario de franceses e holandeses ao Tratado Constitucional europeo non ofrece unha alternativa. Votando “non”, non estaban a dar un si a ningunha outra opción. O batiburrillo no que desde a extrema dereita, o chauvinismo máis rancio, a extrema esquerda estupefaciente xuntaron forzas para gañar o pasado referendo francés, non ofrece obxectivamente ningunha alternativa real, posíbel. Xogos pirotécnico de palabras nuns casos, (Contra a Europa do capital, contra o neoliberalismos, etc...) e chamados nostálxicos á grandeur que foi e non volverá.

Na miña opinión, o medo ao fontaneiro polaco e a hipotética entrada de Turquía mobilizou tristemente máis que calquera outro argumento tirado do propio texto constitucional a debate. Lembro unha entrevista días antes do referendo holandés na que unha activista polo non afirmaba contundente e sen ningún rubor que a Constitución europea abriría as portas aos inmigrantes... O máis “chamativo” da entrevista era a cor da entrevistada que denotaba orixes moi pouco holandeses. Se non fose dramático sería case un mal chiste. A xenofobia, coas súas variantes máis ou menos vergoñentas, foi un dos piares da contestación anti-Tratado constitucional europeo.

Non é doado, lóxico e evidente, asumir que un dos efectos irreversíbeis e quizais un dos máis,(permítaseme a licenza poética), fermosos, da globalización ou da mundialización como prefiren denominala os franceses, é a mestizaxe de culturas, nacións e razas. Europa, berce de civilización non debe ser máis que exemplo de integración. Non será doado. Ninguén é tan inxenuo como para pensalo. Un exemplo practico do medo ao “outro”. Eu son un simple traballador que vive e traballa cada día sen saber se o seu patrón manterá aberta a empresa. E co aval que coido outorga a miña condición operaria, (non son artista nin funcionario), nunca fixen nin farei demagoxia co tan traído e levado affair das deslocalizacións. Asumo o risco e tamén sei que igual que a máquina de vapor non foi o final da clase traballadora, a deslocalización non vai ser máis que un pantasma mediático popular de éxito que confío perecedoiro.

É absurdo pensar que a Constitución europea favoreza ou promova a deslocalización (hai poucos meses foi aprobada unha directiva que obriga as empresas que deslocalicen a devolver as subvencións públicas recibidas) e por outra banda, eu que son de Vigo, pregúntome que sería da miña cidade se a deslocalización non trouxera a Citroën hai xa máis de trinta anos de Francia a este recuncho da Fisterra europea. A mudanza interesada de país por parte das empresas é un fenómeno que queirámolo ou non forma parte xa da vida económica mundial. Pero igual que non toda a industria francesa e alemana escolleu hai trinta anos o estado español para trasladar a súa produción, agora o fenómeno seguro que lonxe do titular escandaloso e rechamante non vai supor ningunha fuxida masiva de empresas a Polonia, Malta ou Chequia. Estou certo de que en poucos anos, unha vez estea consolidado o alongamento da Unión Europea xa ninguén falara do tema. Cando menos nos parámetros actuais.

Mais teño claro que o proceso terá unha severa pausa. Pero dar por morta á Constitución europea non deixa de ser a día de hoxe só un chamativo titular xornalístico. Nada máis. A sensatez, o sentidiño obrigan a abrir un tempo de reflexión do que estou seguro sairán solucións. De momento o democrático é proseguir co proceso de ratificación dos diferentes estados. Francia e Holanda son como países fundadores e tamén como potencias económicas, importantísimos, certo. Mais non esquezamos que ben pola vía parlamentar ou ben pola vía plebiscitaria estados da importancia de Alemaña e Italia deron xa un si ao presente Tratado. No estado español, guste ou non a algúns, o 80 por cento dos votantes referendamos positivamente o tratado. Interromper agora o proceso sería ademais dun precedente gravísimo, un feito case orwelliano. “Todos os estados de Europa son iguais, mais uns son máis iguais que outros...”

Tranquilidade, lembremos que este ente en continua transformación chamado primeiro CECA, logo CEE, logo CE e agora Unión Europea ten demostrado na súa curta pero intensa historia capacidade dabondo para resolver situacións difíciles. Tempo ao tempo. E sobre todo lembremos que tanto ou máis importante que para nós os europeos, a unidade e fortaleza de Europa, da que a súa primeira Constitución representa a pesar das súas eivas e carencias un chanzo formidábel, coa súa aposta e compromiso co Desenvolvemento sustentábel, coa Carta de Dereitos, co equilibrio Norte/Sur, coa resolución pacífica de conflitos,(lembremos que a Constitución europea recoñece a obriga de acatar as resolucións do Consello de Seguridade das Nacións Unidas) coa tolerancia, coa igualdade home/muller, coa liberdade de expresión... unha Europa unida é imprescindíbel coma a auga para miles de millóns de parias da Terra. Por eles, tranquilidade e a afrontar o futuro, que guste ou non guste, está aquí para quedarse.

Sem comentários: