quinta-feira, julho 17, 2003


POBOS E CIDADÁNS
Por Camilo Nogueira

Cando se aprobou o Tratado de Niza non pasaban de cincuenta os deputados do Parlamento Europeo que o consideraban como un gran obstáculo para o desenvolvemento da Unión. Demandaban a elaboración dunha Constitución. Reclamaban unha Unión política, plena capacidade lexislativa do Parlamento en codecisión co Consello, conversión desta institución nunha segunda Cámara lexislativa e a elección polo Parlamento do presidente da Comisión, con toda sas mudanzas políticas necesarias para avanzar cara unha Unión de 27 Estados. Aquela posición minoritaria abriuse paso no Parlamento Europeo e entre os representantes das outras institucións comunitarias e dos Estados. Non todo se conseguiu, pero o contido do proxecto de Constitución aprobado pola Convención vai nesa dirección Para a Unión, a Convención realizou unha proposta que supera o fracaso de Niza mesmo no problema da toma de decisións no Consello. O proxecto de Constitución da Unión afecta á soberanía dos Estados, á evolución de a UE, á súa futura ampliación, á súa definición constitutiva, á política exterior e á práctica democrática das súas institucións. Non afecta formalmente ás estruturas internas e ás Constitucións dos Estados membros, pero as condiciona de maneira determinante. Se nos referimos ao Estado español, ten de facto unha transcendencia constitucional interna moi superior a calquera das propostas que pretenden modificar os estatutos de autonomía das nacións do Estado, sempre asimiladas polo PP a reivindicacións desestabilizadoras que porían en perigo os logros políticos e económicos dos últimos 25 anos.

Definindo á Unión como unha entidade con personalidade xurídica propia, a Constitución superaría o carácter dos Estados como únicos portadores da capacidade de estabelecer relacións internacionais. Aínda mais, confirma unha soberanía compartida entre os seus diferentes niveles institucionais ao asegurar que o dereito emanado da UE, no marco das competencias que lle outorgaría a Constitución, prevalecería sobre o dereito interno dos Estados. desta forma, a UE dá un paso mais para se constituír nun espazo político interno para os seus cidadáns, superando a súa condición de entidade internacional. Con este recoñecemento xurídico-político faise evidente que constitúe unha entidade con soberanía no marco das súas competencias, compartindo coas institucións estatais e, de feito, coas entidades internas con competencias lexislativas o que antes era ostentado en exclusiva polos Estados. Abre, por outra parte, as portas para a incorporación de calquera Estado europeo que se en "os valores do respecto á dignidade humana, da liberdade, da democracia, da igualdade, ao Estado de dereito, e de respecto polos dereitos do home".De feito, como aprobou a entrada a novas Estados formados pola separación pacífica interna (República Checa e Eslovaquia), está disposta a integrar a todos os Estados dos Balcáns occidentais como xa o fixo con Eslovenia.

Recoñece, como é habitual, "as funcións esenciais do Estado, particularmente as que se destinan a garantir a súa integridade territorial", e o fai despois de que no mesmo artigo afirme que respecta "a identidade nacional dos Estados membros, asociada a respectiva estrutura política e institucional fundamental, incluíndo a autonomía rexional e local". Pero en ningún lugar da Constitución aparece a idea de que a identidade nacional non poda ter constitucionalmente un carácter plurinacional, como tampouco non se di que un novo Estado xurdido dentro da Unión teña prohibido por iso o acceso á UE. Ninguén pode hoxe garantir, neste sentido, que por mutuo acordo as hoxe rexións constitucionais de Bélxica, Valonia e Flandes non pidan o recoñecemento como Estados, sen necesidade de criar ningunha raia e sen se separar da Unión. Este carácter aberto da UE ponse especialmente de manifesto cando, rompendo un tabú histórico, recoñece o dereito de autodeterminación dos Estados membros, isto é, neste caso, o seu dereito a saír da Unión, e mesmo o de volver a incorporarse cos requirimentos democráticos esixidos a calquera outro Estado.

Segundo o proxecto constitucional, a UE se define a si mesma como unha Unión de cidadáns e de Estados. Pero con isto non se nega nin a existencia nin o carácter dos pobos que a constitúen. Non estabelece contradicións maniqueas entre as cidadáns e os pobos, contra o argumentado polos representantes populares españois na Convención, que por motivos internos chegaron a declarar no Parlamento Europeo que o "concepto de pobo estaba obsoleto". polo contrario -e sen necesidade de apelar aquí a outras Constitucións precursoras do Estado moderno que se fundamentan precisamente no pobo-, no preámbulo da Constitución se afirma que os "pobos de Europa", ligándoos á súa identidade e á súa historia nacional, están decididos a forxar un destino común, e no primeiro parágrafo do artigo referinte aos obxectivos da Unión se proclama que un destes é o de promover o "benestar dos seus pobos". Naturalmente, isto non lles pode gustar a aquiles que identifican aos pobos, ás nacións e aos países cos Estados existentes emprobrecendo tristemente a realidade cultural das nosas sociedades. Por certo, estes son os que lle chaman en inglés "European People's Party" á súa partida en Europa

A Convención deu os seus pasos mais transcendentais no crispado clima político provocado pola guerra en Iraq. A decisión unilateral de EE UU, o Reino Unido e o Estado español revelou unha diverxencia política entre os Estados da Unión que en realidade xa existía con anterioridade. De feito, na OTAN a capacidade de decisión de EE UU ten o carácter dominante que pretendeu impor a Europa a propósito da súa guerra en Iraq. Pero, mais alá da tráxica realidade desa guerra, o impulso á Política Exterior e de Seguridade Común é o resultado paradóxico da división constatada naquel momento; non seria posíbel sen a acción expresa de Estados europeos considerados irrelevantes e perdedores polo primeiro ministro español. A Constitución vai mesmo mais alá da proposta desa política común necesitada de decisións unánimes, introducindo a posibilidade dunha cooperación estruturada en materia de defensa, segundo a iniciativa promovida por Francia, Alemaña, Bélxica e Luxemburgo que fora minimizado e ridiculizado no seu momento polas Estados promotores da guerra contra Iraq.

Por fin, the last but not the least, a Constitución define á Unión como unha unidade na diversidade, unha boa e razoábel solución histórica para superar a ideoloxía xacobina que aínda define a práctica de algúns Estados.

Camilo Nogueira Román
EL PAÍS